TRANSICIÓN ENERXÉTICA

Desaparece a primeira central térmica galega

Desaparece a primeira central térmica galega
As instalacións de Naturgy en Sabón, antes e despois da demolición da cheminea. [Imaxe: Sermos Galiza]
As instalacións de Naturgy en Sabón, antes e despois da demolición da cheminea. [Imaxe: Sermos Galiza]  
Os traballos para desmantelar a térmica de Sabón (Arteixo) chegan á súa fin e deixan o polígono sen unha das súas iconas, a cheminea de 200 metros. 

Esta terceira feira unha pa retiraba os últimos restos do que fora a enorme cheminea da central térmica de fuel oil de Sabón. Douscentos metros de ladrillo e formigón que foron desaparecendo lentamente da paisaxe até non deixar ningunha estrutura en pé que lembre que no seu día ocupou eses terreos a primeira central térmica da Galiza.

Levantada a comezos dos anos 70, a central entrou en funcionamento en 1972. A diferenza das de Cerceda e As Pontes, os dous grupos da planta arteixá empregaban fueloil como combustíbel. En 2008, Naturgy levantou ao seu carón o terceiro grupo, unha central de ciclo combinado de gas natural (391 MW) que é a única que permanece fronte a praia de Sabón e do porto exterior da Coruña, no polígono onde se asenta o xigante da moda Inditex.

A actividade da planta de fuel de Sabón chegou á súa fin en 2010 co feche dos grupos 1 e 2, tras case catro décadas producindo enerxía para un dos polos industriais máis importantes da Galiza. O proceso de desmantelamento non deu comezo até cinco anos máis tarde. Comezou en 2015 coa retirada dos equipamentos de xeración, os tanques, o oleoduto e unha cheminea de menor envergadura, duns 70 metros de altura.

Unha pa traballa na retirada dos últimos restos da cheminea de Sabón

As tarefas para tirar abaixo a mole de 200 metros quedaron para o final. Iniciáronse en 2017 e son todo un hito da enxeñaría, xa que se trata da primeira infraestrutura destas características en ser demolida na península. Para acometer este labor, primeiro se empregaron martelos e cizallas que permitiron derribar a parte máis elevada. Posteriormente, cortouse o fol en seccións coa axuda dun fío diamantado. Finalmente, a retirada dos últimos restos estase a levar a cabo con pas a ras de solo (como se aprecia na marxe inferior esquerda da imaxe).

Cambio de adxudicataria

As previsións iniciais de Naturgy eran ter rematadas todas estas tarefas en marzo de 2015, pero a entrada en concurso da primeira adxudicataria, a empresa Detecsa, retrasou uns traballos que finalmente acometeu Afesa Medio Ambiente.

Hoxe apenas quedan algúns cascallos da que fora a primeira térmica de Galiza, e tamén a primeira en ser derruída. Cando remate o mes xa non quedará nada, tal e como confirmaron fontes de Naturgy a Sermos Galiza. Tras o seu feche, as centrais das Pontes e de Cerceda poden correr unha sorte similar.