Desbloqueada a venda das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés a Parter

Desbloqueada a venda das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés a Parter

Acordo entre multinacional e sindicatos. O fondo suízo terá até o 31 deste mes para presentar as garantías demandadas pola alumineira.


Alcoa e sindicatos atinxiron, despois de horas de reunión, un acordo que desbloquea a venda das plantas da Coruña e Avilés ao fondo suízo Parter. Anunciouno a primeira hora da mañá desta sexta feira Raúl Blanco, secretario xeral de Industria, que incidiu en que Parter garante 100% do emprego en ambas as dúas factorías e que ten un proxecto “a longo prazo”.

Até 31 de xullo é o prazo dado a Parter para que presente as garantías que lle pide Alcoa. Os sindicatos non caen na euforia e lembran que vai haber que seguir loitando para que o novo propietario manteña o emprego máis aló dos dous anos prometidos.

Parter Capital, que vai ser o novo dono das plantas coruñesa e avilesina, é un fondo suízo que con esta fai a súa primeira operación no Estado español. Parter controla unha ducia de empresas e compañías en diferentes sectores, desde o industrial até o das vivendas prefabricadas, pasando polo cinema.