Director de Pemex afirma que até xaneiro non se licitarán os 'floteis'

Director de Pemex afirma que até xaneiro non se licitarán os 'floteis'
Carlos Morales
Carlos Morales  SG
Carlos Morales afirma que o acordo dos estaleiros de Galiza é con PMI España "que vai ser un participante máis na licitación que se fará para a contratación de servizo"

Até xaneiro de 2013 non se licitarán os dous buques hoteis que quere construir Pemex. Un concurso que se realizará entre os diferentes estaleiros do mundo que fixeron chegar as súas ofertas ou proxectos. O director de Pemex, Carlos Morales, afirma nunha entrevista en El Universal  que mentres que o goberno de Galiza da por feito que a paraestatal vai mercarlles dous floteis por valor de 300 millóns de euros, en México a visión é distinta. Así, Morales Gil explicou que "apenas preparan unha licitación para obter este servizo".

No que atinxe á filial PMI, sinalou, o que fixo foi procurar un socio, estaleiros galegos, con quen asinou un acordo para poder participar neste concurso que estárá listo en 2013, "mais iso non significa que desde agora xa se vaian mercar eses floteis".

O acordo dos estaleiros de Galiza é con PMI España "que vai ser un participante máis na licitación que se fará para a contratación de servizo".

Non é a primeira

As declaracións de Morales non son as primeiras que nestas últimas semanas van noutra dirección diferente ao que apontan desde o goberno galego. Así, hai dúas semanas, Morales recoñecía en declaracións recollidas por CNN México que non hai ningún acordo pechado don Galiza para esa operación. É máis, Morales apuntaba a que o único que hai é unha "fase de sondaxe de mercados" para ver as mellores ofertas e opcións para construiren eses dous buques.

Esa sondaxe fíxose entre 21 empresas de diferentes países. E será o consello de administración quen decida. E as cláusulas suspensivas incluidas no principio de acordo cos estaleiros galegos poden levar a Pemex, sen costo ningún, a non aceptar a oferta galega.