MES DE ABRIL

Medra a disolución de empresas até un 87,8% na Galiza

Medra a disolución de empresas até un 87,8% na Galiza
Parque empresarial de Agrela [maxe: Agrela]
Parque empresarial de Agrela [maxe: Agrela]  

A creación de empresas continúa a caer na Galiza mentres que as disolucións aumentan segundo amosan os datos do Instituto Galego de Estatística.


En Galiza constituíronse un total de 373 sociedades mercantís durante o pasado mes de abril, é dicir, 8 menos que en marzo e 21 menos que en abril do ano 2018. A creación de empresas baixou por tanto nun 5,33%; mentres que as disolucións aumentaron até un 87,8%, o que supón unha cifra de 169 sociedades disoltas.

O mes de abril pechou con 20 sociedades afectadas por concurso de acredores

Os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística indica que as provincias da Coruña e Pontevedra continúan a rexistrar o maior número de constitucións, co 45,84% das sociedades mercantís creadas na Coruña e o 35,39% en Pontevedra. Mentres, só o 10,72% das novas empresas constituídas situou a súa sede na provincia de Ourense e o 8,04% fíxoo en Lugo.

A maioría opta polo sector comercio e a fórmula de sociedade de responsabilidade limitada

A maior parte das empresas formadas en abril en Galiza (o 99,7%) fixérono como sociedades de responsabilidade limitada e optaron polo sector do comercio (o 22%), seguido da hostalaría (13,9%) e a industria e a enerxía (10,7%).

A discriminación sobre as mulleres continúa afectando a este sector, onde os homes seguen sendo maioritarios

A discriminación sobre as mulleres continúa afectando a este sector, onde os homes seguen sendo maioritarios na creación de empresas, como se desprende da cifra recollida polo IGE en abril con 322 novos socios ante 127 sociais.

Do estudo, tamén cabe salientar que as sociedades mercantís creadas en abril están maioritariamente formadas por unha única socia ou socio fundador, atinxindo o 73,73% dos casos, e no 21,98% por dous socios ou socias.

O mes de abril pechou con 20 sociedades afectadas por concurso de acredores. 

Mentres que en Galiza segue caendo a creación de empresa, no Estado aumenta

Os datos do IGE veñen confirmar a tendencia do primeiro trimestre do ano onde Galiza contou con 1.181 empresas creadas (un 0,6% menos que no anterior ano), mentres que a comparativa amosa que nese mesmo período aumentou a creación de empresas no conxunto do Estado español en 4,1%.