Doce empresas interésanse polas factorías de Alcoa na Coruña e Avilés

Doce empresas interésanse polas factorías de Alcoa na Coruña e Avilés

Así llo trasladou o goberno español a representantes dos traballadores e traballadoras das plantas. Industria confía en que o estatuto de consumidor electrointensivo se aprobe antes das eleccións.


O goberno español informou os representantes dos traballadores e traballadoras de Alcoa que recibiron interese de doce empresas por facerse cargo das factorías da Coruña e Avilés. Nove delas asinaron un compromiso de confidencialidade e no mínimo tres xa elaboraron un proxecto industrial para as plantas.

Na xuntanza da Mesa técnica estatal no Ministerio de Industria estiveron presentes representantes deste departamento, de Galiza e Asturies, e da empresa, para alén dos traballadores e traballadoras.

Outra das cuestións tratadas foi a relativa ao estatuto electrointensivo. O persoal expresou o seu malestar pola lentitude deste proceso pois, entende, dificulta captar investidores. Ademais, queren que o estatuto contemple todos os complementos que a futuro van rebaixar o prezo do Mwh a unha empresa electrointensiva. O Ministerio quere que o estatuto fique aprobado antes do 28A, día das eleccións.