A economía galega, en desaceleración

A economía galega, en desaceleración

Ten un ritmo de crecemento de 2,3%, unha décima por baixo da do conxunto do Estado español.


Após tres anos con taxas de crecemento iguais ou superiores á media española, a economía galega medra a un ritmo de 2,3%, unha décima inferior á do conxunto do Estado español. Porén, o PIB galego segue a medrar por riba da media europea (1,5%) e da zona euro (1,2%). Son dados do Informe de coxuntura económica que presentou o Foro Económico da Galiza.

O Foro considera que a “ralentización” da economía galega pode ir asociada a unha mudanza no patrón de crecemento atendendo ás achegas da demanda interna e externa. Por cuarto trimestre consecutivo a demanda externa detrae puntos ao crecemento do PIB.

O crecemento galego susténtase nomeadamente no subsector de comercio, transporte e hostalaría, que medra 6,8% respecto ao ano anterior, máis de tres puntos por riba da media estatal. Hai unha contracción do sector industrial no seu conxunto, e da industria manufactureira en particular o que contrasta co incremento rexistrado no Estado.