A economía galega seguirá dous anos máis como a que menos medra de todo o Estado

A economía galega seguirá dous anos máis como a que menos medra de todo o Estado
C BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola
C BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola  

Un informe do BBVA aponta que o produto interior bruto aumentará de media un 2,7% no conxunto estatal mentres que Galiza só un 2,2%, o ritmo máis baixo. Non é o primeiro estudo que aponta este escenario.


O informe correspondente ao mes de maio que elabora o servizo de estudos do BBVA non deixa boas novas para a economía galega de cara a este ano e o seguinte, 2017. O PIB galego medrará, si, mais a un ritmo inferior que o conxunto do Estado español. De feito, no exercicio en curso só Asturies presentará peor balanzo que Galiza mais para o 2017 o noso país, sempre en base aos vaticinios do BBVA Research, será quen ocupe a triste honra de ser o pecha-candelas en medre económico. A media de aumento do PIB do Estado para 2016 e 2017 será do 2,7%. Para Galiza, as previsisóns son que medre un 2,2% en ambos os dous exercicios.

Non é o único estudo o do BBVA que advirte do perigo de que a economía galega fique cada vez máis descolgada da media do Estado. En marzo deste ano O Foro Económico Galego apontaba que a economía galega medrará en 2016 un 2,5%, novamente por baixo da media española, que se prevé que neste ano sexa de por volta do 3%. O Foro considera que vai ser “moi difícil” que o PIB galego acade o nivel de incremento do español, se ben si que recoñece que vai haber un achegamento entre ambas as dúas. O Foro predixo con éxito o medre da economía galega en 2015 (un 2,1%), que goi un punto por baixo da española (3,1%).

Pesimismo

Hispalink, un instituto de estudos formado por equipas de investigación de 16 universidades españolas -entre elas, a da Coruña e Compostela-, vaticinaba en xaneiro que a economía galega vai ser en 2016 e 2017 a que menos medre de todo o Estado español. Así, aponta a que o incremento do PIB no ano en curso non pasará do 2.1%, catro décimas por baixo da media española, que acabará o ano cun incremento do 2,5 por cento. Cantabria e Castela-León están, segundo este informe, entre as que menos van aumentar en 2016 (2,2% cada unha), mais aínda así fican por riba de Galiza, que será a pechacancelas. Madrid e Baleares van ser, en base aos cálculos de 'Hispalink', os territorios que terán mellor comportamento económico neste exercicio, con perto dun 3%.

Mais esta mala nova para a economía galega en 2016 manterase para o 2017, din estes analistas. Nese ano aumentará a nosa economía nun 1,7%, de novo a que menos medra de todo o Estado, posto que partillaremos -segundo esta análise- con Cantabria. A media española será dun 2%, con Baleares liderando o crecemento (2,4%).