A economía galega, a que menos medrará de todo o Estado nos vindeiros dous anos

A economía galega, a que menos medrará de todo o Estado nos vindeiros dous anos
Operarias nunha carpinteiría industrial
Operarias nunha carpinteiría industrial  

Un instituto formado por equipos de investigación de 16 universidades do Estado sitúan a economía de Galiza como a pecha-cancelas en crecemento nos exercicios 2016 e 2017.


Nubes negras para a economía galega. Ao medre 'a ralentí' que está a ter nos últimos meses -moi por baixo do ritmo da media española- engádense as malas previsións para estes anos. Hispalink, un instituto de estudos formado por equipas de investigación de 16 universidades españolas -entre elas, a da Coruña e Compostela-, predí que a economía galega vai ser en 2016 e 2017 a que menos medre de todo o Estado español.

Así, aponta a que o incremento do PIB no ano en curso non pasará do 2.1%, catro décimas por baixo da media española, que acabará o ano cun incremento do 2,5 por cento. Cantabria e Castela-León están entre as que menos van aumentar en 2016 (2,2% cada unha), mais aínda así fican por riba de Galiza, que será a pechacancelas. Madrid e Baleares van ser, en base aos cálculos de 'Hispalink', os territorios que terán mellor comportamento económico neste exercicio, con perto dun 3%.

Mais esta mala nova para a economía galega en 2016 manterase para o 2017, din estes analistas. Nese ano aumentará a nosa economía nun 1,7%, de novo a que menos medra de todo o Estado, posto que partillaremos -segundo esta análise- con Cantabria. A media española será dun 2%, con Baleares liderando o crecemento (2,4%).

Sectores

Na súa análise do 2015, este instituto de estudos aponta a como no comportamento da economía galega (1,8% de medre nese ano), a construción foi en porcentaxe a que máis achegou, cun incremento do 3,9%. Nos seus cálculos para 2016, desde 'Hispalink' prevén que a construción na Galiza supuña un aumento do 5,6% mentres que a industria aumentará nun 2,6%. Servizos e agricultura minguan ese incremento, con comportamentos modestos cando non negativos (caso da agricultura).