As electrointensivas galegas critican a poxa do Goberno

As electrointensivas galegas critican a poxa do Goberno
Planta da multinacional Alcoa en Cervo (Europa Press)
Planta da multinacional Alcoa en Cervo (Europa Press)  
O Goberno convoca unha nova poxa de interrumpibilidade na que rebaixa de 2.400 a 1.000 os megavatios dispoñíbeis.

Á espera de que o Goberno español aprobe o novo estatuto da industria electrointensiva, os grandes consumidores de electricidade da Galiza terán que pelexar o vindeiro 16 de decembro para facerse cun dos escasos bloques que sairán na poxa de interrumpibilidade. 

Segundo recolle esta terza feira o Boletín Oficial do Estado (BOE), serán 1.000 megavatios (MW) repartidos en 200 bloques de 5MW. Non haberá por tanto bloques de 40MW, que son os que máis interesan a industrias como Megasa, Ferroatlántica, Celsa ou Alcoa. O prezo de saída destes bloques situarase en 125.000 euros por megavatio.

Desde a planta de Alcoa en San Cibrao advirten de que a rebaixa proposta polo Ministerio de Transición Ecolóxica "é un perigo para as electrointensivas porque ao final este servizo de interrumpibilidade que estabamos a dar non vai ser rendible para estas empresas", e aseguran que "o sistema enerxético español vai ter problemas".   

Chamada á mobilización

Após de coñecer as condicións da nova poxa, o presidente do comité de empresa da planta de Alcoa en Cervo, Xosé Antonio Zan, chamou á xente a mobilizarse. “Coa publicación da poxa de interrumpibilidade metéronlle un recorte moi severo, por non dicir que fixeron desaparecer esta poxa. Agora mesmo a xente tense que mobilizar. Non podemos ter por parte do Goberno medidas tan duras contra as empresas electrointesivas”, denunciou. 

Ante a ausencia de respostas, en parte pola falta de interlocutor con Industria, Zan non descarta levar as súas propostas á cidade de Lugo. “Seguramente haberá unha gran mobilización para reclamar ao Goberno que abra os ollos e nos atenda”. A manifestación, apuntou, convocarase “pronto”, antes de que remate o ano.