Endesa decide acelerar o feche da central das Pontes

Endesa decide acelerar o feche da central das Pontes

Endesa vén de decidir acelerar o feche da súa central de carbón das Pontes, alén da de Almería. Anunciouno nun comunicado enviado á Comisión Nacional do Mercado de Valores.


O Consello de Administración de Endesa vén de aprobar “promover a discontinuidade da produción das súas centrais térmicas de carbón na Península, de conformidade cos trámites e procedementos legalmente estabelecidos e avaliar opcións de futuro nestes emprazamentos”, segundo un feito relevante enviado á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A compañía xustifica a decisión nas condicións actuais do mercado que, segundo advirte, provoca que estas plantas "non resulten competitivas". Porén, non informa de data de clausura.

a compañía argumenta la decisión en las actuales condiciones de mercado, que hacen que estas plantas «no resulten competitivas»

O BNG trasladou na tarde da sexta feira a súa preocupación polo anuncio de Endesa e traslada o seu apoio a traballadoras e traballadores. Nunha nota de imprensa, a portavoz nacional, Ana Pontón, salienta que leva tempo advertindo “da necesidade de abordar o proceso de transición enerxética e de descarbonización porque a solución non pode ser que, dun día para outro,  se peche esta central sen poñer sobre a mesa alternativas de futuro”.

A forza nacionalista lembra que a central “aproveitouse dos recursos que tiña o concello das Pontes explotando os xacementos mineiros deste concello e da súa área obtendo a cambio uns beneficios multimillonarios, e non pode ser que agora, sen alternativa, sen un plan de futuro, pretenda deixar tirado un concello como este dentro dunha comarca, Ferrolterra, que xa leva sufrido durante décadas as graves consecuencias de reconversións industriais sen alternativas, sen apoio por parte nin do Goberno central nin da Xunta”.

Precisamente na mañá da sexta feira o PP vetaba unha resolución do BNG, no marco do debate sobre o estado da nación, en que propuña a creación dunha mesa galega para abordar o proceso de transición enerxética.

Protestos no último mes

O día 19 de setembro, a veciñanza das Pontes manifestábase contra a parálise na central térmica ao haber unhas 250 persoas afectadas nas empresas auxiliares pola paralización de parte da produción en Endesa e pola incerteza a respecto dos plans da eléctrica para o complexo. Días antes, traballadores e traballadores mobilizábanse diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Compostela para alertaren de que a falta de actividade da central térmica tería consecuencias sobre todos os sectores económicos da vila e da súa comarca.