As entidades galegas no rexistro de lobistas non chegan á decena

As entidades galegas no rexistro de lobistas non chegan á decena
Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC)
Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC)  

Das máis de 500 entidades inscritas no rexistro de grupos de interese da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia non figura ningún dos clústers do país.


Galiza non quere recoñecer a influencia dos seus clústers nin das empresas que os conforman. Polo menos así se interpreta do feito de que tan só 9 entidades figuran no rexistro de grupos de interese da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) que integran a nivel do Estado español medio millar de colectivos.

Neste rexistro, que se creou a comezos de 2016 e con carácter voluntario e co obxectivo de garantir unha relación “o suficientemente transparente” das entidades que o conforman cos grupos de interese, non figuran nin a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) nin os distintos clústers sectoriais do país.  

Se cadra, a entidade de maior relevancia que figura no listado é Asociación Círculo de Empresarios da Galiza, dirixida por Patricia García e con sede en Vigo. Esta asociación eríxese como “foco central de negocios na Galiza, especialmente na zona sur” e cubre en parte a ausencia dunha CEG descabezada dende a marcha do seu presidente en xaneiro de 2018.

Outros integrantes

Xunto ao Círculo están tamén no listado a Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos (Ageinco), con sede en Vigo; o Club Financeiro de Ourense; a Federación Galega de Asociacións de Transporte de Viaxeiros en Autocar (Transgacar), con sede en Santiago de Compostela; a Plataforma en Defensa do Sector Marítimo Pesqueiro da Galiza (Pladesemapesga), con sede na Coruña; a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), radicada en Ourense; e as empresas Mediasiete Communication and PR Consulting, ITE Ambiental e o consultor Arán Feixoo.

A listaxe da CNMC está pensada para asociacións profesionais, empresariais e sindicais; medios de comunicación vencellados a empresas e entidades con finalidades de investigación; consultorías profesionais, despachos e bufetes; ONG; fundacións e asociacións, e grupos de análise, investigación e reflexión.

Duplicidades

A ausencia de algunhas entidades galegas pódese deber en parte a que xa están representadas por organizacións de ámbito estatal, como pode ser o caso da Confederación Nacional dos Empresarios da Minaría e a Industria, que representa á Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galiza (Asime); a Asociación Empresarial Eólica no lugar da galega, ou o Organización empresarial de Loxística e Transporte, que asume as funcións do recentemente creado Clúster da Función Loxística de Galiza.

Aínda así, estas entidades teñen total liberdade para inscribirse igualmente, como tamén o poden facer o Clúster da Automoción de Galiza (Ceaga); o da Xeotermia (Acluexga), as renovábeis (Cluergal) ou o do autoconsumo (Agaen) no eido enerxético; o Cluster TIC, o da comunicación gráfica, o da madeira e o deseño, o do naval (Aclunaga), Anfaco-Cecopesca, o da biotecnoloxía (Bioga), o Clúster da Saúde ou o do textil (Cointega), que son a día de hoxe grandes ausentes.