Entregan no Parlamento máis de 14.000 sinaturas na defensa do sistema público de pensións

Entregan no Parlamento máis de 14.000 sinaturas na defensa do sistema público de pensións

Recollidas polo colectivo de xubilados e pensionistas de CIG, que esta cuarta feira foron rexistradas no Parlamento de Galiza.


O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG rexistrou no Parlamento galego un total de 14.218 sinaturas na defensa do sistema pública de pensións. dirixidas aos grupos parlamentares. Segundo explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o obxectivo é que a Cámara inste o goberno da Xunta a se opoñer aos ataques ao sistema público de pensións, a que se adopten as medidas necesarias para que se derroguen as reformas que provocaron o seu deterioro e a que se garanta o seu poder adquisitivo e que as mínimas sexan iguais ao SMI.

“Todas as dúbidas que se están a xerar arredor da súa viabilidade son interesadas para favorecer os plans privados e seguir neste camiño de recorte do sistema público, alongando os anos de referencia para o seu cálculo e, se poden, atrasar a idade de xubilación até os 70 anos”, denunciou Carril.

Carril denunciou que tanto as e os pensionistas galegos agora como os que o serán no futuro, “somos especialmente vítimas, non só dunha diferenza salarial respecto da media do Estado senón tamén maltratados canto a que as pensións medias galegas están un 15-20% por debaixo da pensión media”.

Xosé Manuel González, en representación do colectivo de xubilados e pensionistas da CIG, denunciou o empobrecemento do colectivo pensionista en xeral pero fixo especial mención da discriminación das mulleres nas pensións contributivas “por unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización.



x