A exigua cota afoga o frota do xeito: “Entre Bruxelas e Madrid están a rematar coa pesca artesanal”

A exigua cota afoga o frota do xeito: “Entre Bruxelas e Madrid están a rematar coa pesca artesanal”

As 62 toneladas fixadas para esta campaña, a metade do ano anterior, leva os barcos rianxeiros desta arte a valorar suspender a pesca até xuño. “Con esas cotas non se pode traballar”, lamenta o patrón maior, Miguel A. Iglesias.


Os 170 barcos despachados para faenar ao xeito e que levan traballando desde xaneiro veñen de coñecer a cota que se lles fixou para esta arte: 62 toneladas de sardiña. Unha cifra “escasa” e “ridícula” en palabras a Sermos Galiza do patrón maior de Rianxo, principal porto de traballo con esta arte pesqueira, Miguel A. Iglesias. É a metade do ano anterior, unha campaña na que tiveron que interromper a pesca en xuño (época da mellor xouba e sardiña) porque xa esgotaran a cota asignada.

Por iso, os xeiteiros rianxeiros valoran suspender a pesca con esta arte até xuño, evitando gastar a cota até que o recurso teña o seu mellor prezo. Unha proposta que agora formularán aos representantes doutros portos que tamén traballan co xeito, como A Illa ou Redondela.

“Pero quen é o que fai os cálculos aquí?” pregúntase Iglesias sobre a asignación da cota para o xeito. Lamenta que malia que estudios e informes indicasen que hai dispoñibilidade de sardiña, o cupo é cada vez máis pequeno. “Así non se pode traballar”, afirma. Sinala Bruxelas e Madrid como responsábeis dunhas políticas que non só afectan o xeito senón ao conxunto da pesca artesanal. “Sentímonos desamparados”, resume.

O patrón maior rianxeiro considera que o discurso da Unión Europea de promover e defender a pesca artesanal non se corresponde cos feitos de Bruxelas. “Din unha cousa e fan outra”, apunta, e critica o goberno central porque, “goberne quen goberne”, nunca “dan a cara pola frota artesanal”.