O español, un dos tres Estados da UE onde peor se trata aos traballadores e traballadoras

O español, un dos tres Estados da UE onde peor se trata aos traballadores e traballadoras

O Estado español atópano no antepenúltimo lugar da clasificación en relación á calidade do traballo e condicións de emprego no conxunto da UE, despois de Romanía e Grecia.


Tanto ten que o indicador analizado sexa o salario como que sexan as condicións de traballo, as formas de emprego e seguridade laboral ou o equilibrio entre o traballo e a propia vida. O Estado español suspende en todos eles con rotundidade. De feito, entre os 28 Estados da Unión Europea só outros dous, Romanía e Grecia, presentan peores rexistros que o Español.

O boletín de saúde da Confederación Intersindical Galega do mes de decembro dá conta de dous estudos, o 'Bad Jobs” recovery? European Job Quality Index 2005-2015' do European Trade Union Institute e a 'VI Enquisa europea sobre condicións de traballo' impulsada por Eurofound. Ambos os dous toman o pulso á calidade do emprego en Europa. “O resultado pódese considerar como realmente demoledor para o Estado español”, conclúen desde o sindicato nacionalista.
 

Nunha escala de puntuación entre o valor 1 (a máis baixa posíbel) e o valor 10 (a máis alta), o Estado español recibe un 3

Na documentada análise de 'Bad Jobs' debullan polo miúdo seis indicadores: salarios, formas de emprego e seguridade laboral, tempo de traballo e equilibrio traballo-vida, condicións de traballo, habilidades e desenvolvemento da carreira laboral e representación sindical.

Nunha escala de puntuación que o informe estabelece entre o valor 1 (a máis baixa posíbel) e o valor 10 (a máis alta), o Estado español recibe logo de analizados todos os indicadores un 3. Puntuación moi diferente da que obteñen estados como Suecia (7,5), Finlandia (8) ou Dinamarca (9).

“O resultado pódese considerar como realmente demoledor para o Estado español”

Formas de emprego e seguridade laboral

Se nos detemos no factor “precariedade” no marco do indicador Formas de emprego e seguridade laboral, atopamos que o Estado español ten unha das maiores porcentaxes de poboación traballadora afectada pola inestabilidade laboral, os contratos temporais e os contratos a tempo parcial non desexados, liderando tamén as dificultades que teñen as persoas asalariadas para atopar emprego.

Tempo de traballo e equilibrio traballo-vida

Embora ter o Estado español un dos máis elevados niveis de desemprego de toda a UE, tamén rexistra unha das maiores porcentaxes de horas extras realizadas, e isto a pesar de que non se computan gran parte desas horas.

“As longas e interminábeis xornadas de traballo con multitude de horas extras non pagadas, forma […] parte dunha situación “normalizada” que destrúe a xustiza laboral e imposibilita a máis mínima posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar. Situación esta de especial gravidade no caso das mulleres traballadoras”, indícase no mencionado boletín elaborado polo Gabiente Técnico Confederal de Saúde da CIG.
 

Salarios

En relación ao factor “pobreza laboral”, o Estado español, logo de Romanía e Grecia, tamén ten a maior porcentaxe de traballadores e traballadoras pobres de toda a UE. No que atinxe a Galiza, lembremos que un terzo dos traballadores galegos ingresa como máximo o salario mínimo. O de ingresos inferiores á metade do SMI, supón 18% das persoas asalariadas no noso país. Máis de 302.000  traballadores menores de 36 anos non acadan o salario medio anual galego.