Esperanza é o nome de toda a política industrial da Xunta

Esperanza é o nome de toda a política industrial da Xunta
Traballadores de Isowat nunha protesta na Coruña a pasada primavera.
Abaixo: Covadonga Toca e Francisco Casal.
Traballadores de Isowat nunha protesta na Coruña a pasada primavera. Abaixo: Covadonga Toca e Francisco Casal.  
Galiza é un deserto industrial e o goberno da Xunta un deserto de ideas. Cando menos, a oposición ten capacidade para elaborar metáforas. O gabinete Feixoo, nin sequera iso. Tres altos cargos da Xunta comparecen na comisión de economía e industria e ningún acerta a ofrecer máis que boas intencións diante das crises nas Pontes, en Vulcano, R Cable e Isowat.

Esperanza é o nome de toda a política industrial da Xunta. Medio goberno, a parte encargada de manter o pulo dunha industria que esmorece e ameaza con mandar moita xente ao desemprego, está esperando. Esperando a que cheguen inversores, esperando a que os administradores concursais acerten con plans de liquidación axeitados, esperando que todo vaia ben… Con eses argumentos responderon esta terza feira tres altos cargos -o director xeral de enerxía e minas (Bernardo Tahoces), a directora xeral de emprego (Covadonga Toca) e o director do Igape (Juan Manuel Cividanes)- á serie de preguntas dos grupos da oposición que despregaron o mapa da resistencia social diante o abandono institucional.

“Ten planificado o goberno galego desenvolver unha planificación propia do modelo enerxético que garanta unha modernización e descarbonización ordenada?”, preguntou o BNG respecto da crise aberta polo futuro da central térmica das Pontes. 

Tahoces respondeu: “É un tema delicado, sumamente complexo, non podemos dar respostas triviais. Se vostedes saben a solución, propóñana no Parlamento. Nós estamos traballando con todos: coas centrais sindicais, cos transportistas, coa empresa… pero é o Goberno [do Estado] o que non responde, non actúa. O que hai non é un Ministerio de Transición Ecolóxica, é un Ministerio de Imposición. Como di o alcalde das Pontes, isto non é unha transición, é un golpe en seco. Nós estamos buscándolle unha solución ao problema, cun traballo serio, comprometidos co mantemento do emprego e con que Endesa volva producir 8.000 GWh cada ano e non menos da metade coma este ano.”

“Isto é un saqueo colonial. Unha empresa que leva 40 anos beneficiándose e agora deixa tirados aos traballadores”, reflexionou a deputada nacionalista Montse Prado. “O que vostedes non queren é ter instrumentos como un grupo de traballo para a transición ecolóxica que xa propuxemos, non queren ter ferramentas propias nin teñen modelo enerxético propio”.

O BNG retirou no último momento a pregunta a Tahoces sobre Ferroatlántica. As nacionalistas reuniranse esta cuarta feira coa representación sindical para tratar de determinar cales son as razóns da Xunta para acceder á cancelación anticipada do arrendamento que Ferroatlántica ten sobre as centrais hidroeléctricas do Xallas. Neste conflito, Tahoces, como nos casos da minaría, tamén ten en contra a Augas de Galiza, que desautoriza a desvinculación de actividades que parece entrar no plan da empresa e dos seus novos socios.

Covadonga Toca na comisión de Economía, esta terza feira.“Púxose en contacto a Xunta con R Cable para interesarse polas intencións da empresa de deslocalizar o seu servizo de mantemento?”, preguntou Rodríguez Rumbo, deputada do PSdeG.

Covadonga Toca murmurou. “O noso compromiso co emprego está fóra de toda dúbida. O que hai que facer é coñecer, escoitar, analizar. Atender ao contexto. Somos a segunda comunidade autónoma na que máis baixa o paro. Nos últimos dez anos hai 80.000 empregos máis no sector servizos”.

A parlamentaria socialista repasou diante de Toca a historia de R. “Vinte e cinco cambios no accionariado desde 1999, adquirida no 2015 por Euskaltel, o 100%, que prometeu garantir a galeguidade da marca e a continuidade da estrutura local, pero empezou a deslocalizar cara Asturias e Euskadi, agora a chinesa CTE encárgase do mantemento da rede, e as traballadoras e traballadores, unhas 1.200  persoas na área da Coruña, temen que haxa 500 empregos en risco, e logo outros 500...”

Covandonga Toca pestanexou.

As socialistas e Paula Quintairo, dos comúns, tamén preguntaron por Vulcano.  As respostas de Juan Manuel Cividanes foron igual de vagas e imprecisas

“Ten algunha noticia o Goberno da existencia dun futuro inversor?”. “Esperemos que veña un inversor, pero iso xa non o podo garantir”. En realidade, Cividanes non garantiu nada. Tampouco respecto a Isowat:

“Considera a Xunta que se atopará unha solución ao Concurso de Acredores antes de rematar o prazo de tres meses outorgado pola xuíz”, preguntou Francisco Casal, do Grupo Mixto.

Casal  na comisión de Economía esta terza feira.E o director do Igape, que dispoñía de 16 minutos para responder, limitou a súa intervención a metade. Non tiña moito que dicir. En realidade, dixo o mesmo que na pregunta anterior e o que probabelmente repita na seguinte. Falou de “compromiso”. Debía ser a palabra do día, porque a secretaria de Igualdade, referíndose a outro asunto, tamén dixo “compromiso”. O PP anda neste arranque de curso comprometido e esperanzado. “Temos o compromiso de falar con todas as partes. Mantemos a esperanza de que poida seguir a actividade da empresa, pero é a xuíz a que ten que dar a solución de viabilidade. Hai que ter respecto institucional. A situación xurídica e complexa. Pero Hai posibilidades de que as cousas saian ben, de ter o resultado que todos queremos. Os prazos son moi xustos, claro”, dixo Cividanes.

Como Francisco Casal pertence ao Grupo Mixto e o este grupo ten limitadas as súas preguntas nas comisións, debeu gardar no caixón a última, sobre os encoros e as concesións durante décadas ás grandes eléctricas que están empezando a caducar.

“Está a Xunta desenvolvendo algún tipo de estudo xurídico en profundidade que concrete os períodos de caducidade das concesións de todos os encoros con produción eléctrica no territorio de Galicia, así como calquera condicionante que puidera afectalos?”. Haberá que esperar.