BALANCE 2015-2018

O Estado só executou 69% dos orzamentos para Galiza: 1.500 millóns de euros ficaron sen investir

O Estado só executou 69% dos orzamentos para Galiza: 1.500 millóns de euros ficaron sen investir
Rúa dunha cidade galega.
Rúa dunha cidade galega.  

Un informe sobre grao de cumprimento real do Estado dos seus orzamentos nos diferentes territorios mostra que entre 2015 e 2018 ficaron sen executar 1.500 millóns de euros comprometidos para Galiza. A media española é que de cada 100 euros orzados se executen 75. Para Galiza só se executan 69 de cada 100 e para Madrid 114 de cada 100.


Hai tempo que os orzamentos xerais do Estado (OXE) son tamén unha ferramenta máis de propaganda. A inclusión de partidas de millóns de euros en investimentos e compromisos varios nas contas xerais non implica necesariamente que estas se vaian executar. Porén, proporcionan un altofalante magnífico para que políticas e gobernos do Estado poidan poñer como exemplo de compromiso con determinados territorios as promesas de investimentos millonarios que figuran nesas contas.

Un informe elaborado pola Generalitat de Catalunya con dados e cifras da Intervención Xeral do Estado (IGE nas súas siglas en castelán) demostra que o grao de cumprimento dos investimentos e orzamentos deixa moito que desexar nalgúns territorios. Así, hainos claramente beneficiarios e outros que consideran que son claramente prexudicados.

Só 5 territorios superan ou igualan a media estatal de execución dos OXE (75,3%). Son Madrid, Aragón, as dúas Castelas e Andalucía

Así, no período analizado, 2015-2018, a execución real orzamentaria para Galiza foi de 69,7%. É dicir, que de cada 100 euros que figuraban nos OXE para o noso país só se investiron realmente 69. É unha cifra que fica por baixo da media estatal, onde o grao de cumprimento foi de 75,3%. Estamos a anos luz do grao de execución de comunidades como Madrid (114%) ou Aragón (102%), Castela-A Mancha (83%) mais tamén por baixo doutras máis próximas a nós como Asturies (72%) ou Castela-León (77,8% de cumprimento do investimento previsto). En Catalunya o grao de cumprimento é de 65,9%.

De feito, só 5 territorios superan ou igualan a media estatal de execución do OXE (75,3%). Son Madrid, Aragón, as dúas Castelas e Andalucía.

O último exercicio, 2018, foi o único con balanzo positivo para o noso país no período analizado: executouse 116% dos investimentos orzados. Mais non logra tapar a fenda acumulada nos anos precedentes: en 2017 só se cumpriu 74% do orzado para Galiza nas contas xerais do Estado, en 2016 ese grao de execución foi de 41,5% e en 2015 ficou por baixo de 64%.

Así, e segundo os dados de Intervención Xeral do Estado debullados neste informe, dos máis de 4.600 millóns de euros que se orzaron para Galiza entre 2015 e 2018 ficaron sen executar case 1.500 millóns. Case un de cada tres euros.