Estancamento na demografía empresarial

Estancamento na demografía empresarial
[Imaxe: Xurxo Díaz]
[Imaxe: Xurxo Díaz]  

Menos empresas constituídas, máis disolucións e menos recadación no Imposto de Sociedades. Estes son algúns dos dados que revelan un estancamento, cando non recesión, no tecido empresarial galego. Ademais, xa son máis as empresas que optan por marchar da Galiza que as que prefiren instalarse, cando menos estabelecendo no país a súa sede fiscal.


6O dinamismo empresarial é un dos termómetros máis fiábeis de cantos empregan as persoas expertas para mediren o estado de saúde dunha economía e a súa proxección a curto e medio prazo. Neste momento, xusto dez anos despois da creba de Lehman Brothers e do comezo da crise económica máis grave do último medio século, este indicador está a rexistrar un freazo na tímida recuperación económica que principiou co abaratamento do petróleo. Hoxe, polo tanto, os dados macroeconómicos confirman que, unha década despois, a conxuntura económica do país é peor que naquela altura.

É certo que as estatísticas soportan todo, mais no caso da conxuntura económica obsérvase certa sintonía entre os distintos indicadores. No referido á panorámica empresarial, os dados máis recentes, publicados nos últimos días polo Instituto Galego de Estatística, fan referencia ao mes de agosto. En concreto, o estudo, baseado no Borme (Boletín Oficial do Rexistro Mercantil), revela que o mes pasado se constituíron na Galiza 245 sociedades mercantís novas –nas súas diferentes formas, aínda que practicamente todas como sociedades de responsabilidade limitada, en concreto 237–, polas 290 do ano pasado. Son, ademais, 46 menos que as que se crearon no mes de xullo. É o cuarto peor dado desde o comezo da crise (2009, 2014 e 2015) e, realizando unha proxección anual, todo fai indicar que a cifra empeorará, por segundo ano consecutivo, o resultado final do exercicio.

A comparativa co ano previo ao estoupido da crise reflicte nidiamente as dificultades do tecido empresarial para recuperar o dinamismo previo e o forte impacto que supuxo o picazo da burbulla inmobiliaria na Galiza. No ano 2008, creáranse na Galiza 5.425 sociedades mercantís, polas 4.129 do último exercicio fechado, o 2017.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 315 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]