O Eurogrupo receita á cidadanía do Estado español “traballar máis tempo e máis duro”

O Eurogrupo receita á cidadanía do Estado español “traballar máis tempo e máis duro”
dijsselbloem-UE
dijsselbloem-UE  

O presidente do Eurogrupo, Jeroen Dijsselbloem, pide máis reformas estruturais no mercado  do traballo para “se adaptar á nova realidade económica”.


O presidente do Eurogrupo e ministro de Finanzas dos Países Baixos, Jeroen Dijsselbloem, tomou parte esta segunda feira nun almorzo informativo que decorreu en Madrid. Foi esa a plataforma desde a cal o mandatario comunitario afirmou que a cidadanía do Estado español vai ter que afacerse a traballar “máis e máis tempo”. Unha declaración que se produce en pleno proceso de debate sobre as pensións públicas. Un debate no que desde a Eurocámara se posicionan como partidarios de retrasar a idade de xubilación.

O mercado laboral ten que ser "máis dinámico" e cunha contratación "máis moderna"

“Hai que se adaptar á nova realidade económica”, dixo Dijsselbloem, que pediu “máis reformas laborais” para garantir un “medre económico necesario” e así combater, apuntou, “o alto desemprego”. Entende, e así o manifestou, que o mercado laboral debe ser “máis dinámico” e cunha contratación “máis moderna”.

Após aplaudir as reformas impulsadas polo goberno español, e de afirmar que entende que non vai ser preciso alongar as axudas á banca española, Dijsselbloem insistiu na necesidade de facer máis reformas no mercado de traballo. Declaracións que casan á perfección coas realizadas periodicamente pola patronal e membros do goberno español de necesidade de 'reformas'.