Europa condena as exportacións galegas

Europa condena as exportacións galegas
As exportacións do téxtil galegas non chegan para revertir a sangría exportadora (Imaxe: Inditex).
As exportacións do téxtil galegas non chegan para revertir a sangría exportadora (Imaxe: Inditex).  

O volume dos produtos exportados cae por riba dos mil millóns de euros nos nove primeiros meses, con especial incidencia nos mercados da Unión Europea. 


Galiza non é quen de frear a sangría exportadora. Nos nove primeiros meses do ano, o volume dos produtos exportados caeu por riba dos mil millóns, unha crise que se agudiza nos mercados da Unión Europea, que absorben tres cartas partes das exportacións galegas. 

Segundo os datos dos Barómetro Exportador de Galiza (Baexga) que publica o Foro Económico de Galiza, as exportacións cara os países da Unión Europea descenderon 8% entre xaneiro e setembro. En total, o volume de produtos exportados no período caeu 6,1%, dato que contrasta co crecemento de 1,6% no Estado español.

Como salientan desde o Foro Económico, os datos son a antítese do balance feito hai un ano. «Daquela os mercados europeos eran a causa do éxito exportadora galego, agora son eses mercados os que sobre todo explican as taxas negativas», apuntan. 

Mal en textil e automoción

A caída é especialmente grave no sector da automoción, que duplica a da Galiza até situarse en 13%. As maiores caídas do sector galego anótanse cara Francia, Italia, Turquía ou Arxentina, mentres que, por exemplo, o sector en Navarra exporta máis cara Francia, Italia, Alemaña ou Reino Unido. «En nove meses nós caemos en 500 millóns e en Navarra medran en 600 millóns», matizan desde o Foro.

O sector da confección tampouco pasa polo seu mellor. Por primeira vez nos últimos anos, non foi quen de compensar o mal comportamento doutras actividades, como viñera facendo até entón. Nos nove primeiros meses, as exportacións caeron 3,8%, sendo novamente a Unión Europea a que concentra o maior descenso, con 5%, especialmente nos mercados de Reino Unido, Francia, Alemaña ou Italia. «O bo comportamento cara as economía emerxentes, polo seu pequeno volume, é pouco relevante», salientan os autores.