Euskaltel compra R por 1.155 millóns de euros

Euskaltel compra R por 1.155 millóns de euros

O grupo de telecomunicacións vasco merca o 100% do grupo galego, en mans de fondo de capital británico CVC nun 70% e de Abanca nun 30%. Pagará a cantidade nunha mistura de efectivo e accións.


Euskaltel, o grupo de telecomunicacións vasco, pechou a compra de R por unha cantidade de 1.155 millóns de euros, segundo informa Expansión. Unha operación da que se falaba como probábel desde hai meses mais que, até hoxe, non tivera confirmación nin concreción. Euskaltel compra o seu rival, a galega R, nunha operación na que o 100% do grupo galego valorouse en 1.155 millóns de euros. Os vascos mercan o 70% do capital en mans do fondo de capital británico CVC e tamén o outro 30 por cento, que estaba en mans de Abanca. Cómpre lembrar que ao longo da súa historia R sufriu máis de 25 cambios accionariais.

Segundo Expansión, o prezo fixado supón case 11 veces o ebitda estimado para R en 2015 e pagarase nunha mistura de efectivo e accións, co que CVC vai converterse nun dos accionistas máis importantes de Euskaltel, probabelmente o segundo após Kutxabank.

Importante peso da administración vasca no seu nacemento

Euskaltel naceu en 1995 como empresa participada polas administracións vascas e as caixas de aforros dese territorio. O goberno vasco tiña o 40% das accións. Desde aquela foron dando entrada a socios e investidores privados. Na actualidade, o principal accionista de Euskaltel é Kutxanbank, co 49,9%.

Estación final, Vodafone?

R, Telecable e Euskaltel estarían preparándose para ofrecerse a Vodafone, segundo unha hipótese manexada por diferentes medios e que recolle Mallando no Android. "O resultado a medio prazo vai ser unha fusión das tres compañías [referíndose a R, Euskaltel e a asturiana Telecable], que xuntas serían un apetitoso xoguete para Orange ou Vodafone, ambas cunha presenza residual na banda larga fixa nestes territorios".