As exportacións galegas seguen en caída libre

As exportacións galegas seguen en caída libre
Tráfico de mercadorías no porto exterior da Coruña [Imaxe: Porto da Coruña]
Tráfico de mercadorías no porto exterior da Coruña [Imaxe: Porto da Coruña]  Autoridade Portuaria da Coruña

As vendas ao exterior acumulan unha caída de 8% despois de reducirse en 0,4% no mes de agosto. 


As vendas ao exterior non levantan cabeza. Así se pode describir a evolución das exportacións galegas, que segundo os datos publicados esta terceira feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE) acumulan unha caída de 8% nos oito primeiros meses do ano despois de reducirse en 0.4% no mes de agosto con respecto ao mesmo período do ano anterior, até quedar nos 1.656 millóns de euros.

Francia e Portugal, os dous principais mercados, seguen a gañar peso na balanza comercial galega, xa que incrementan as súas compras en 17,2% e 7%, respectivamente, mentres no conxunto da Unión Europea baixan en 0,3%, cunha alarmante caída nas exportacións aos Países Baixos (-54,3%).

No estranxeiro, destaca o aumento das vendas aos Estados Unidos, que se poden ver afectadas nos vindeiros meses polos aranceis impostos polo Goberno de Trump, e o descenso a Turquía.

Seis meses de caídas

Con este son xa seis os meses consecutivos nos que Galiza rexistra un retroceso interanual nas vendas ao estranxeiro, aínda que desta vez modera a súa baixada respecto doutros meses.

Nos oito primeiros meses do ano, as vendas de automóbiles e de combustibles acaparan os maiores descensos 4,3 e 2,3 puntos, respectivamente. No mes de agosto o peor comportamento rexistrárono os aparellos e material eléctrico (-2,1), mentres que os combustibles e aceites minerais tiveron o mellor comportamento (+2,3).