Facer negocio coa canteira

Facer negocio coa canteira
Protesto contra o vertedoiro de Casalonga
Protesto contra o vertedoiro de Casalonga  

Hai un gorentoso negocio en marcha na Galiza: recoller residuos inertes, tiralos en canteiras en desuso para despois tapalos, chamándolle a iso restauración ambiental. O favorábel balance, para o peto das empresas, do custo-beneficio desta operación, fai que máis de 200 canteiras na Galiza estean no seu albo. E o goberno de Feixoo é remiso a modificar a lei para impedir o que é un “calote ambiental”. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no semanario en papel Sermos Galiza número 348.


2La monnezaa è ricchezza (a inmundicia é riqueza). A frase recollida polo escritor Roberto Saviano en Gomorra resume un dos negocios nos que se sustenta a camorra napolitana: o negocio dos residuos. Porque a recollida e xestión destes, dos residuos, é un problema, un negocio ou unha oportunidade.

A proliferación de vertedoiros, moitos deles incontrolados, levou a que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea sancionase o Estado español en dúas ocasións. No Estado, os 142 vertedoiros legais que operan no negocio do lixo gañaron en 2017, segundo colectivos e organizacións como Ecologistas en Acción, máis de 12.500 millóns de euros procedentes da xestión de 24 millóns de toneladas de lixo.

En relación ao tratamento de residuos inertes nos últimos tempos na Galiza houbo movemento abondo. Que diversas empresas queiran aproveitar as arestas máis permisivas da lexislación para converter os ocos das canteiras en vertedoiros encubertos de miles de metros cúbicos de residuos mobilizou a veciñanza das zonas afectadas, ambientalistas e tecido social e político. Demandan da administración as mudanzas lexislativas precisas para que estas situacións non se dean.

Os procesos de restauración ambiental de áreas onde houbo actividades extractivas son unha cousa. O negocio que se quer facer a conta de adquirir antigas canteiras e áreas mineiras para transformalas, pola porta de atrás, en vertedoiros “encubertos”, outra. Sábeno ben os veciños e veciñas que se mobilizaron en lugares como Miramontes (Santiago) ou Casalonga (Teo), denunciando os efectos ambientais e sociais dun negocio gorentoso para o peto de empresas e compañías.

O biólogo e veciño do concello de Teo Martiño Nercellas pon un exemplo: “En casos como Casalonga, a previsión de recheo con residuos inertes de construción é duns dez millóns de metros cadrados, cun prezo de xestión polo seu tratamento (valorizalo=depositalo) de máis de 50 millóns de euros durante todo o tempo que dure a operación de “restauración” da canteira. A adquisición da canteira e a concesión para a súa explotación terían custado menos dun millón de euros”.

[Podes ler a peza íntegra no número 348 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]