“A falta de compromiso das administracións co naval fecha empresas e destrúe empregos”

“A falta de compromiso das administracións co naval fecha empresas e destrúe empregos”

CIG. CCOO e UXT advirten en Vigo sobre a crise neste sector e critican a actuación do goberno español e galego ao respecto. Vulcano, indeican, é un exemplo disto.


Unha concentración perante a delegación da Xunta en Vigo, convocada por CIG, CCOO e UXT, denunciou esta segunda feira a falla de compromiso por parte das administracións públicas co sector naval, unha actitude que, afirman,  aboca ao peche ás principais empresas, como é o caso de Vulcano, e supón a destrución de centros de empregos. Critican o papel que están a xogar tanto goberno galego como español na crise que atravesa a industria naval da Ría de Vigo, un sector fundamental para a comarca e estratéxico para o país.

Durante a concentración que se desenvolveu de 11:00 a 13:00 horas diante do edificio da Xunta, unha representación de Vulcano e das tres centrais foi recibida pola delegada territorial da Xunta na cidade, Corina Porro. “O de sempre, boas palabras que ao final non se traducen en nada”, manifestou o responsábel do naval da CIG-Industria de Vigo, César Rodríguez.

“Até o de agora o naval vivía da propaganda, xa que se anunciaba a súa recuperación en base ao número de construcións contratadas sen ter en conta o número de horas de traballo que ía supoñer”, incide o sindicalista.

Deste  xeito, explica, é imposíbel que o sector “aguante” e poida chegar a recuperarse nun futuro. Cita o caso de Vulcano, que fora o segundo maior estaleiro privado do Estado, “que se atopa en proceso de liquidación e que vai deixar a 69 traballadores na rúa. A súa desaparición supón “perder un estaleiro con capacidade de empregar a un milleiro de persoas, incluíndo a industria auxiliar”.

Perigo

Aliás, incidiu en que a industria naval viguesa está “nun momento crítico” a expensas do que suceda tamén con Barreras, “porque se cae igual que Vulcano o sector desaparece, xa que son os dous únicos estaleiros con capacidade de contratar proxectos importantes”.