Feijóo pide explicacións aos gandeiros galegos por non apoiar o acordo lácteo

Feijóo pide explicacións aos gandeiros galegos por non apoiar o acordo lácteo

O presidente cualifica o pacto, rexeitado pola maioría dos produtores de Galiza, como “unha boa nova”. A Plataforma debate esta sexta feira que accións desenvolver fronte a un acordo que “non garante uns mínimos”.


Núñez Feijóo considera o acordo lácteo avalado polo goberno español, que non foi asinado polas organizacións que representan a maioría dos gandeiros galegos, como unha “boa nova” e “unha oportunidade”. Declaracións que chocan coas críticas verquidas desde Fruga, SLG, OPL ou Unións Agrarias sobre un documento que, sinalan, non recolle as mínimas demandas do sector. Nin garante prezos dignos, nin pon fin aos contratos lixo nin establece mecanismos de sanción para quen non cumpra. “É unha mera declaración de intencións”, como din os sindicatos, afastada do que agardaban os produtores galegos.

Mais para Núñez Feijóo son os gandeiros galegos quen teñen que dar explicacións por non subscribir o acordo. Para o presidente da Xunta, os produtores que non respaldan o pacto deben “dar explicacións” por non apoiar agora “unhas garantías” que reivindicababan nas tractoradas. Un acordo, di Feijóo, que apoia a “maioría do sector”. Afirmación que non se corresponde co acontecido en Galiza, onde o non a ese pacto é maioritario.

“As decisións sobre o lácteo galego non se poden tomar en Madrid”

A deputada do BNG Tereixa Paz denunciou esta quinta feira o “desleixo” de goberno galego e español perante a crise do sector lácteo. Os nacionalistas consideran que “non se pode consentir que as decisións chave da política para o sector lácteo galego se adopten en Madrid”. O BNG denuncia que o acordo non inclúe medidas que dean estabilidade ao sector, cun texto final aínda máis inconcreto co borrador presentado en agosto. Neste sentido, nada hai sobre a principal demanda centrada en establecer un “prezo sostible” para os produtores de leite, non hai garantías de recollida, nin se contemplan sancións por incumprimentos das partes, habituais desde as industrias e distribución.

Asemblea

A Plataforma en defensa do sector lácteo analiza esta sexta feira as medidas e accións a decorrer perante un acordo que, inciden, “decepciona” o sector gandeiro galego. Non se descarta que se retomen as mobilizacións.