ORZAMENTOS 2020

Feixoo gábase de que Galiza vai ser “o lugar onde menos custe comprar unha vivenda de toda España”

Feixoo gábase de que Galiza vai ser “o lugar onde menos custe comprar unha vivenda de toda España”
Alberto Nuñez Feixoo no Parlamento Galego [Imaxe: @Par_Gal]
Alberto Nuñez Feixoo no Parlamento Galego [Imaxe: @Par_Gal]  

O Executivo galego aproba no Consello desta quinta feira os orzamentos para 2020.


Galiza ten ante si o reto de frear o despoboamento do rural. Os orzamentos do ano pasado xa contemplaban medidas encamiñadas a fixar poboación nos concellos máis pequenos. Agora, coa aprobación das contas do 2020, o Executivo galego afirma que busca reforzar estas políticas con máis rebaixas fiscais

Os orzamentos que ten previsto aprobar esta quinta feira o Goberno galego na súa reunión semanal, inclúen entre as súas novidades unha nova redución do Imposto de Transmisións Patrimoniais até 5% para a adquisición de vivenda habitual no rural galego, que será, segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “o lugar onde menos custe comprar unha vivenda de toda España”.

A rebaixa súmase á que fixera para o conxunto da Galiza na compra de vivenda habitual, que baixara de 8% a 7% neste gravame, un dos máis baixos de todo o Estado español.

Vantaxes para colectivos

No caso das familias numerosas, as mozas menores de 36 anos e as persoas con discapacidade o gravame pasara de 4% a 3%, e ficaban exentos no caso do rural no marco do programa ‘Impostos Cero’.

Con esta medida, que se suma a outros aspectos xa desvelados das contas do ano que ven, como o teito de gasto, a modificación das previsións de crecemento ou as cifras de emprego, a Xunta pretende garantir “a menor carga fiscal posible que permita a realidade económica”. Neste senso Feixoo subliñou que “Galiza sempre que sexa posible irá por diante en redución de impostos”.

Herdanzas gratis e dedución verde

Outro dos tipos impositivos que toca a Xunta no seu proxecto de orzamentos é o que afecta ao Imposto de Sucesións e Doazóns, que deixa exentas as herdanzas entre familiares directos de menos dun millón de euros, unha medida que beneficiará “a 99,9% da poboación galega”.

Tamén haberá deducións para cooperativas e sociedades laborais e introducirase unha “dedución verde” no IRPF de até 1.500 euros para a mellora da eficiencia enerxética das vivendas.