Feixoo recoñece que sen As Pontes Galiza corre o risco de ser deficitaria en enerxía

Feixoo recoñece que sen As Pontes Galiza corre o risco de ser deficitaria en enerxía
[Imaxe: Xunta] O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, en San Caetano.
[Imaxe: Xunta] O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, en San Caetano.  

O presidente da Xunta  e o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, apostan  por eliminar o chamado céntimo verde para reactivar “de inmediato” a actividade na central térmica.


O cese de actividade da central térmica das Pontes podería converter Galiza nun territorio deficitario en enerxía. Así o alertou esta segunda feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, tras unha reunión co alcalde das Pontes, Valentín González Formoso.

Segundo o titular do Executivo galego “non ten sentido” perder a central térmica das Pontes e deixala sen alternativa, unha situación que provocaría que “por primeira vez na historia os galegos tivésemos que importar enerxía”.  

Para evitar este escenario, ambos dirixentes alcanzaron unha “posición conxunta” para reclamar a Endesa e ao Goberno español unha “reactivación inmediata da central, para o cal esixen tamén a eliminación do chamado céntimo verde, un “xesto” que Formoso cre que o Executivo español “non terá ningunha obxección” en levar a cabo. “Se hai un imposto que sube, que son as emisións de CO2, teremos que baixar outros impostos que gravan á central térmica para facer un equilibrio para que a conta de resultados sexa viábel para que 750 familias poidan seguir vivindo”, apuntou Feixoo.

Mesa de traballo

Á marxe das axudas fiscais, tanto o presidente da Xunta como o alcalde pontés tamén acordaron activar unha mesa técnica que aclare o futuro da planta na procura doutra materia prima, así como a incorporación da Galiza aos fondos europeos de descarbonización a partir de 2021.

Neste senso, o presidente Feixoo lembrou que para que haxa investimentos para substituír o carbón e introducir outras materias primas “a central ten que seguir funcionando”. Tras un investimento de 200 millóns de euros “a central pode ser operativa cen por cen, porque cumpre os ratios de emisión de CO2 que obriga a UE”, sentenciou o líder do Executivo galego.