CRISE INDUSTRIAL

Ferrol, Eume e Ortegal reclaman na rúa políticas de reindustrialización

Ferrol, Eume e Ortegal reclaman na rúa políticas de reindustrialización
Mobilización en Ferrón pola reindustrialización das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal (Imaxe: CIG)
Mobilización en Ferrón pola reindustrialización das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal (Imaxe: CIG)  
A mobilización convocada por CIG, CCOO e UXT mobiliza en Ferrol a milleiros de persoas que esixen un papel máis activo das Administracións.

Milleiros de persoas saíron esta quinta feira a rúa para reclamar unha vez máis un futuro industrial para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Convocadas por CIG, CCOO e UXT, as asistentes esixiron unha maior implicación das Administracións, ás que acusan de non ter feito os deberes, ao tempo que incidiron no elevado número de postos de traballo que están en perigo nestes territorios. 

Na mobilización, que percorreu as rúas de Ferrol e mesmo chegou a paralizar o pleno municipal que se estaba a celebrar neses intres, atopábanse traballadoras de Navantia, da central de Endesa nas Pontes, de empresas auxiliares e pequenos negocios locais. Estes últimos advertiron do impacto que as medidas que están a tomar as empresas nesas comarcas poden ter tamén nos seus empregos. 

A mobilización prodúcese a mesma semana na Endesa informou de que non pretende seguir coa produción eléctrica a partir de carbón nas Pontes máis aló de 2022 e só unhas horas despois da visita da ministra de Defensa en funcións, Margarita Robles, ao porto de Ferrol, onde as traballadoras de Navantia seguen a reclamar investimentos que garantan a ocupación até a chegada dos pedidos das novas fragatas F-110 da Armada española.