Multitudinario apoio de Ferrolterra á manife polo naval e futuro da comarca

Multitudinario apoio de Ferrolterra á manife polo naval e futuro da comarca
Suso Pazos
Suso Pazos  

A comarca implicouse en solidariedade e apoio o naval nunha multitudinaria manifestación que finalizou con 30 delegados de Navantia pechándose na Casa do Concello. ''Ferrolterra exixe solucións'' foi a palabra de orde. Vídeo no interior.


A policía local de Ferrol falou de 22.000 persoas, os sindicatos de 40.000. For a cifra que for, unha manifestación multitudinaria e masiva na que o berro de Nunca Máis que no resto de Galiza ecoaba contra a sentenza da impunidade en Ferrol irmandouse coa defensa do naval e dun futuro para a comarca.

Unha mobilización xigantesca na que non estaban os cargos do PP, co alcalde ferrolán á fronte, que hai uns días foron de viaxe a Madrid para sacar unha pancarta ante a SEPI e dicir que estaban a defender o naval. Este domingo, na manife de milleiros de operarios do naval, das súas familias, amigos e de cidadáns da comarca, eles non estaban.

A falla de carga de traballo provocou a destrución nestes anos de 3.200 empregos no naval, aupando a taxa de desemprego de Ferrol por riba do 30%. Mais a comarca non se resigna a morrer. A desaparecer nunha voráxine de desemprego, emigración, perda de infraestruturas...

“A ver se aos suízos non lles deixan facer reloxos!”

As rúas eran, desde o inicio no Inferniño, unha riada de xente entre palabras de orde como 'Non pode ser, non pode ser, a grada baleira e o dique sen facer!'; ou 'Queremos traballar e non Emigrar!'

Manolo Rivas foi quen leu o manifesto perante unha praza de Armas que ficou pequena, ateigada de manifestantes, entre berros de 'Nunca Máis' ou 'Ilegalizar o Partido Popular'. O escritor denunciou “o teatro do absurdo de que aos mellores constructores de barcos non se lle deixen fabricar barcos. A ver se aos suízos non lles deixan fabricar reloxos!”.

Finalizada a manifestación, unha trintena de delegados de Navantia pecháronse no Concello de Ferrol, onde permanecerán até a terza feira, un día antes de que a compañía presente o seu plan de traballo. 

A imaxe de portada é de @anova_irmandade