Ferrolterra exixe solucións e intensifica a súa loita


Ferrolterra exixe solucións e intensifica a súa loita

As centrais sindicais, CIG, CCOO, UGT e USTG desenvolven unha campaña conxunta para "implicar a cidadanía" na loita polo futuro da comarca. O seu obxectivo, din, é configurar un movemento de resposta e contestación social semellante a Nunca Máis ou Queremos Galego. 

'Matan o naval, destrúen a comarca'. Así rezaba o lema dunha campaña de propaganda que o fotógrafo e enxeñeiro naval Edu Pereira desenvolveu a comezos de 2013 en Ferrol. A través de inmensos valos publicitarios Pereira quixo axitar á cidadanía ferrolá amosando unha cidade destruída. Dinamitada. E é que o desmantelamento dos estaleiros en Ferrol supuxo a quebra da súa economía local. 

Imaxe: Edu Pereira

Ducias de estabelecementos comerciais víronse abocados a botar o feche xunto ás principais empresas que en boa medida fornecían os estaleiros tecendo unha rede auxiliar. "Pechado por crise", chegou a asegurar a deputada de AGE, Consuelo Martínez nunha comisión parlamentar no que desde o BNG consideran a "primavera negra" do sector industrial galego. 

Un movemento de resposta social que abranga a toda a cidadanía

Após folgas xerais comarcais e sectoriais e múltiples mobilizacións, as centrais sindicais CIG, CCOO, UGT e USTG encetan unha campaña de axitación para sensibilizaren á cidadanía baixo a lenda "Ferrolterra exixe solucións".

O obxectivo da iniciativa --que vén a dar continuidade ás accións previas á folga xeral comarcal do pasado 12 de xuño-- é "configurar un movemento de resposta e contestación social" semellante a Nunca Máis ou Queremos Galego, explican as centrais sindicais. Neste senso, están a desenvolver desde hai semanas xuntanzas co tecido asociativo, [email protected] e [email protected] [email protected] da vila para sumaren "a toda a cidadanía". 

“Nos contactos que xa mantiveron coa hostalería e o pequeno comercio, a campaña recibiu moi boa acollida, porque ven claramente como está a situación económica e continuamente pechan estabelecementos. E no caso das asociacións veciñais, estas coñecen de primeira man o empobrecemento que padecen moitos dos seus asociados e asociadas”, explican desde A CIG. 

Unha noite de defuntos comarcal

Así convocan para o vindeiro 29 de novembro unha xornada de vixilia que denominan 'Noite de defuntos'.  “Acordamos chamala así, porque así é como se atopa a comarca: nunha situación absolutamente desesperada. Non nos queda nada, ao sector naval non lle dan solución e os enganos políticos son constantes”, denuncian en relación ás promesas da Xunta. Destarte, chaman á veciñanza a acudiren con "cabazas e fachos" á concentración mais tamén a penduraren das fiestras das súas moradas e estabelecementos bandeirolas nas que se pode ler "Ferrolterra exixe solucións". 

As centrais sindicais advirten que a campaña se prolongará e mesmo intensificará no sector naval. Así, aseguran que coordinaran e combinarán os seus esforzos co dos traballadores dos estaleiros que o vindeiro mes ficarán sen carga de traballo. "A ver se así, de unha vez, o Presidente da Xunta se dá por enterado do que precisa Ferrol”, sentencian.