Fiscalía mantén petición de 3 anos de prisión para dous sindicalistas

Fiscalía mantén petición de 3 anos de prisión para dous sindicalistas
Os dous acusados da CIG ás portas dos Xulgados da Parda, en Pontevedra.
Os dous acusados da CIG ás portas dos Xulgados da Parda, en Pontevedra.  
Marcos Cadórniga e Carlos Alján, da CIG, foron identificados cando formaban parte dun piquete na folga do comercio de alimentación de 2009

O Xulgado do Penal número 1 acolleu o xuízo contra Marcos Cadórniga, liberado da CIG-Servizos, e Carlos Alján, delegado da central nacionalista en Froiz, que están acusados dun delito contra a liberdade dos traballadores/as durante a folga do comercio de alimentación que tivo lugar nas provincias da Coruña e Pontevedra o 27 de novembro de 2009. Xunto a eles tamén está procesado un membro de CCOO. A fiscal decidiu manter a petición de tres anos de prisión.

O xuízo quedou visto para sentenza tras hora e media, tempo no que declararon tres testemuñas da acusación (a encargada e unha traballadora do supermercado Gadis da rúa Benito Corbal de Pontevedra e un dos policías que identificou os acusados o día dos feitos) e dúas da defensa (unha persoa afiliada da CIG que formaba parte do piquete e unha ex traballadora de Gadis).

Ao remate das declaracións, e segundo o relato da CIG, a fiscal do caso decidiu manter a petición de tres anos e un día de cadea e unha sanción económica de 13 meses a razón de cinco euros diarios a pesar de que en ningún momento quedou acreditado que os acusados tivesen obrigado os empregados do supermercado a abandonar as instalacións. Neste senso, a propia encargada do supermercado fixo un relato dos feitos moi confuso e cheo de imprecisións, para rematar recoñecendo que todo o que dicía era por referencias doutras compañeiras. A traballadora que compareceu a petición da acusación nin sequera foi quen de recoñecer os acusados.

Pola súa banda, prosigue informando a central nacionalista, o policía español que participou na identificación dos acusados asegurou que o fixo despois de que o encargado do supermercado lle dixera que os causantes dos danos no interior do local fora o xente que se atopaba ás portas do establecemento. O axente sostivo tamén que o feito de que só lograran identificar a catro persoas (os tres acusados e unha muller que formaba parte do piquete) explícase porque o resto das persoas congregados comezou a marchar.

Os avogados da defensa pecharon a quenda da conclusións facendo fincapé en que en ningún momento quedou acreditada a participación dos tres acusados nos feitos que se lles imputan, mentres que a fiscal decidiu manter a petición de cadea alegando que “queda claro que los trabajadores/as del supermercado querían trabajar ese día, por lo que algo tuvo que pasar por la tarde para que abandonasen el local”.

Concentración solidaria

Varios centos de persoas, indica a CIG, trasladáronlles a súa solidariedade os procesados cunha concentración ás portas dos Xulgados da Parda. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, criticou este novo intento de criminalización do sindicalismo e denunciou que “mentres a Fiscalía fai a vista gorda cos empresarios/as que delinquen e defraudan, estamos a ver como non lle treme a man á hora de pedir penas de prisión para aquelas persoas que defenden os dereitos da clase traballadora”.

Finalmente, agradeceu o presenza de todas as persoas que quixeron achegarlles o seu apoio os acusados, “especialmente a todos/as aqueles/as que loitades día a día nas empresas para facer valer os dereitos dos vosos compañeiros/as”.