Pemex volve adiar a licitación dos floteis (e volve sacar as cores a Feijóo)

Pemex volve adiar a licitación dos floteis (e volve sacar as cores a Feijóo)

A para-estatal mexicana volve retrasar a decisión sobre a quen adxudicará a construción destes buques. Desta vez, a decembro. En Ferrol e Vigo, mentres, segue a sangría de empregos perdidos no naval. Feijóo, tras meses de promesas de que eses floteis virían para Galiza, cala.


A licitación dos floteis será en decembro. O día 6 ás 11:00 horas. Até novo retraso. Xa van tres adiamentos, por motivos diferentes mais cada un deles deixa un pouquiño máis en evidencia a Núñez Feijóo, quen anunciaba e dera por feito en plena pre-campaña electoral de 2012 que eses barcos ían construírse en estaleiros galegos: un en Vigo e outro en Ferrol.

Nesta ocasión, apuntan desde La Voz de Galicia, son as ofertas de Singapur e Noruega as que complican a licitación en beneficio de Galiza. Antes fora o papel que tiña que xogar a propia industria naval mexicana ou ben que o consello de Pemex non tiña coñecemento das operacións en Galiza. O certo é que máis dun ano despois da promesa de Feijóo, non hai flotel para Galiza neste 2013.

A situación no naval galego é agónica. Vigo e Ferrol seguen a perder día tras día postos de traballo no naval, directos e inducidos. Sindicatos, comités de empresa,... todos coinciden en que non se pode esperar máis. Afirmárao un operario dun estaleiro nunha mobilización: “Se as mentiras de Feijóo se construísen en estaleiro, teriamos carga de traballo para anos”.