O FMI propón máis recortes e unha baixada salarial dun 10%

O FMI propón máis recortes e unha baixada salarial dun 10%
Christine Lagarde, directora do FMI
Christine Lagarde, directora do FMI  

Afogar con máis recortes e baixada de salarios. Esta é a nova proposta do FMI no seu informe anual sobre España. Propón unha redución do 10% dos salarios nun prazo de dous anos. 


A rebaixa dos salarios é unha das indicacións que o Fondo Monetario Internacional recolle no seu informe anual sobre España, como mecanismo para incrementar o emprego e o consumo. O organismo internacional recomenda que a medida se sume a unha nova política fiscal que rebaixe as cotas á Seguridade Social e suba, pola contra, os impostos indirectos. 

A indicación do FMI fala dunha posíbel baixada dun 10% dos salarios en dous anos que se completaría cun incremento do IVE e unha baixada da Seguridade Social en 1,7 puntos. Non é a única liña de recortes de dereitos laborais e sociais xa que recomenda incrementar a liña de recortes en pensións, educación e sanidade e malia iso, non contempla un crecemento do emprego até 2016. Para a aplicación destas medidas, fala da necesidade dun pacto entre o goberno, o empresariado e os sindicatos. 

As previsións que estiman coa rebaixa do 10% salarial é o incremento do PIB de cinco puntos en cinco anos e de 7 na creación de emprego. O FMI aplaude a reforma laboral do PP mais convida a afondar aínda máis na rebaixa de soldos e pagos por despedimentos.