O fracaso do ‘carsharing’ galego

O fracaso do ‘carsharing’ galego
O Plan Mobega consistía nun programa pioneiro de carsharing promovido pola Xunta e o Ceaga para fomentar o uso do vehículo eléctrico que non acadou o seu obxectivo pola escasa difusión e a falta de concienciación entre a poboación galega. Eis un estrato da peza publicada no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza.

A mobilidade está a cambiar en todo o mundo. As grandes cidades contan con iniciativas para reducir a presenza nas rúas do vehículo privado. Algunhas pasan por pechar vías ao tráfico, pero tamén están as políticas que apostan por un cambio no xeito de moverse pola cidade. Empresas como ShareNow (antiga Car2go) operan en numerosas capitais europeas. En Milán, por exemplo, pódense contar media ducia de firmas de carsharing detrás das que están marcas como Smart, Renault, Citroën, BMW ou Fiat, entre outras.

O carsharing enténdese como un sistema de coche compartido no que unha ou varias empresas poñen á disposición das persoas usuarias unha flota de vehículos privados (xeralmente híbridos ou eléctricos) para uso público, na súa maioría cunha modalidade de pago por minutos a través dunha plataforma móbil. A día de hoxe Galiza carece deste tipo de servizos nas súas cidades, pero no seu día figurou entre as pioneiras. O problema é que chegou demasiado cedo.

No ano 2011, o Clúster da Automoción de Galiza (Ceaga) e a Xunta puxeron en marcha o chamado Plan Mobega, que por un prezo de 15 euros ao día (cunha tarifa especial de 29,50 euros para a fin de semana) permitía alugar un vehículo eléctrico coa vantaxe de que a recarga era gratuíta na que se vendía desde estas institucións como “a primeira rede de estacións multifuncionais de electromobilidade con tecnoloxía 100% galega”.  Naceu como un proxecto demostrativo da Consellaría de Economía e Industria de Javier Guerra destinado a fomentar o uso do coche eléctrico. Estivo vixente entre agosto de 2011 e decembro de 2012. Nese tempo, na Galiza aínda se falaba do suposto interese do fabricante xaponés Mitsubishi por levantar na Plisan unha fábrica de baterías para vehículos eléctricos.

Galiza, á vangarda

A idea da Xunta era colocar a Galiza “á vangarda da electromobilidade” e, de paso, evitar a emisións de 304 toneladas de CO2. Para iso destinou 2,4 millóns de euros na posta en marcha do servizo de alugueiro, cunha flota de 28 vehículos eléctricos de Citroën e Peugeot, modelos C‑Cero e iOn, respectivamente, xunto cunha rede de 7 estacións de carga nas principais cidades. 

Finalmente, todo quedou nun proxecto. Galiza non conseguiu manter a aposta polo vehículo eléctrico, quizais por ser demasiado adiantada ao seu tempo ou pola falla de promoción. Os vehículos tampouco eran moi visíbeis, xa que para acceder a un deles había que dirixirse ás oficinas  da empresa de aluguer de vehículos National Atesa.

O programa contou en total con 2.400 persoas usuarias nos meses que estivo en vigor (un custo de 1.000 euros por cada un), iso si, cun alto nivel de satisfacción, xa que o 70% das usuarias outorgáronlle unha valoración por enriba do 7, e unha de cada catro, un 10.

Para acceder a un destes vehículos, as persoas usuarias debían ser maiores de 21 anos, contar cun documento de identidade, tres anos de antigüidade no carné de conducir e estar en posesión dunha tarxeta de crédito. Unha vez rexistrados, podían reservar o vehículo con só 24 horas de antelación na web de Mobega. A única obriga era devolver o vehículo no mesmo punto de recollida, o que limitaba a mobilidade entre cidades. A autonomía (150 quilómetros) tampouco axudaba, igual que a escasa rede de puntos de recarga, un problema que aínda sofren as actuais usuarias do vehículo eléctrico. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]