A galega Profand adquire a empresa Caladero a Mercadona

A galega Profand adquire a empresa Caladero a Mercadona
Instalacións de Caladero [Imaxe: EP/ Remitida/ Handout por Mercadona]
Instalacións de Caladero [Imaxe: EP/ Remitida/ Handout por Mercadona]  

A firma completa o proceso de especialización desde a parte extractiva e na cadea de valor coa entrada desta empresa de venda de peixes en bandexa.


A viguesa Profand, logo de confirmarse o acordo con Mercadona, farase co 100% de Caladero, empresa de referencia no segmento de vendas de peixe en bandexa no Estado español.

Profand é un grupo pesqueiro familiar con sede en Vigo e capital galego con máis de 25 anos de experiencia. Xurdiu en 2011 como resultado da fusión de Frigoríficos Fandiño e Conxelados Promar.

A adquisición de Caladero está pendente de aprobación por parte da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e permitirá a Profand impulsar o seu crecemento e consolidar o seu liderado en volume, eficiencia e produtividade. Caladero conta cun cadro de persoal de 600 traballadoras e traballadores na súa sede de Zaragoza e tivo no ano 2018 unha facturación de 200 millóns de euros.

Empregos garantidos

“Esta complementariedade empresarial garante o proxecto da compañía e os postos de traballo existentes", resaltan ambas as empresas nun comunicado conxunto difundido por Europa Press.

O propietario do Grupo Profand, Enrique García, salienta que a adquisición de Caladero supón completar o proceso de especialización do grupo tanto desde a parte extractiva como na parte final da cadea de valor. "A integración de Caladero permítenos ser líderes mundiais na fabricación de produtos con alto valor engadido tanto peixe fresco limpo, para quentar ou cociñar e produto listo para consumir", engade.

Do mesmo xeito, o director xeral de Caladero, Juan Larraz, sinalou que esta incorporación “asegura a continuidade” do proxecto.