As galegas que aforran prefiren non asumir riscos

As galegas que aforran prefiren non asumir riscos
Xornada asesoramento EPTA Vigo
Xornada asesoramento EPTA Vigo  

A Asociación Europea de Asesores Financeiros afirma que o perfil das persoas aforradoras galegas segue a ser moi conservador, o que afecta á rendibilidade dos seus investimentos.


As galegas e os galegos teñen sona de ser persoas aforradoras, e o certo é que tres de cada catro (73%) teñen capacidade para destinar cando menos unha décima parte dos seus ingresos mensuais a aforros, una porcentaxe que cae até 22% para aquelas que poden dedicar máis de 20%.

Segundo os resultados dunha enquisa elaborada pola Asociación Europea de Asesores Financeiros (EFPA polas súas siglas en inglés) entre as investidoras galegas, 71% deses cartos van parar a depósitos, que se manteñen como o principal vehículo de investimento a pesar da súa escasa rendibilidade, con intereses case a cero. Os investimentos en bens inmobiliarios (39%) e fondos de investimento (36%) son as outras ferramentas de aforro das galegas. Só 9% aposta na renda variábel.

En canto a finalidade, 89% das persoas aforradoras gardan os cartos para posíbeis imprevistos e 83% inclúe tamén a previsión de cara a complementar unha pensión pública.

Á hora de escoller o produto para investir os seus cartos, as galegas e os galegos guíanse polo risco antes que pola comprensión do produto ou a súa fiscalidade.

Perfil moi conservador

A delegada territorial do Comité de Servizos a Asociados de EFPA na Galiza, Alexandra Pérez, sinala que a maioría das galegas mantén un perfil “moi conservador, cun nivel de risco que segue a ser baixo, o que no entorno actual dificulta obter rendibilidade”.

A pesar diso, Pérez valora que o 88% das clientas preocúpase agora máis que antes de coñecer os produtos que contrata. “Nós, os asesores e planificadores financeiros temos a obriga de seguir a fomentar a cultura financeira dos clientes para que esixan un asesoramento personalizado e de calidade”.