PARALIZADA A VENDA AO FONDO SUÍZO POR DISCREPANCIAS SOBRE AS GARANTÍAS

Alcoa adía o ERE até o 8 de xullo mentres Parter non clarexe a súa situación

Alcoa adía o ERE até o 8 de xullo mentres Parter non clarexe a súa situación
Mobilización de Alcoa polo mantemento do emprego
Mobilización de Alcoa polo mantemento do emprego  

O vindeiro luns terá lugar unha xuntanza que contará coa presenza do Ministerio de Industria para que Parter expoña as súas condicións. 


Após unha xuntanza que se prolongou até a madrugada de hoxe, Alcoa decidiu paralizar temporalmente a venda das plantas da Coruña e Avilés a Parter Capital e, ao mesmo tempo, adiar até o vindeiro 8 de xullo a aplicación do ERE co obxectivo de que o fondo suízo clarexe a súa situación.

A empresa manifestou á representación da parte social as súas discrepancias sobre a liquidez de Parter para manter a carga de traballo en ámbalas dúas instalacións, xa que, segundo explicou, tan só propón activos non líquidos para proseguir coa actividade produtiva. Deste xeito, Alcoa paraliza a venda polo momento ao considerar que as garantías presentadas polo fondo suízo "non se corresponden co acordado anteriormente". 

O vindeiro luns, 1 de xullo, terá lugar unha reunión na que Parter se pronunciará sobre esta situación e a súa solvencia financeira, na que tamén estará presente unha representación do Ministerio. 

Reaccións

As reaccións ao cambio neste proceso non se fixeron agardar e, así, o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, fixo un chamado á "responsabilidade" de Alcoa no proceso de venda e defendeu o "compromiso" do Goberno "a pesares dos atrancos". "Alcoa non pode xogar cos intereses dos traballadores", engadiu antes de lembrar que "o Ministerio tivo que incorporarse ás negociacións para abordar unha posíbel solución". 

Pola súa banda, a deputada de Galicia en Común, Yolanda Díaz, esixiulle esta mañá ao Goberno central a paralización do ERE ata que non haxa solución para as plantas de Alcoa. "Pedimos que se exerza a soberanía de Estado", asegurou a deputada, "hai que paralizar o expediente de regulación de emprego até que exista unha solución para as plantas e os traballadores".  

Díaz amosou a solidariedade do seu grupo co plantel de Alcoa, que, lembrou, conseguiu un prazo até o 8 de xullo para non executar o ERE, pero esixiu compromiso por parte do Ministerio de Industria, que onte "se decatou de cal era a realidade de Alcoa".

"Alcoa non quere vender as plantas para ostentar unha posición monopolística e quere impedir que haxa unha cuota de mercado relevante na produción de aluminio", insistiu Yolanda Díaz, que remarcou a necesidade de exercer como país soberano "e non renunciar á produción de aluminio primario".

A deputada de Galicia en Común lembrou que desde que comezou o Executivo de Pedro Sánchez "levamos clamando por ter un prezo na enerxía semellante aos países da nosa contorna, e a día de hoxe non temos aínda un prezo estable e asequible".

"A inacción do Goberno é clamorosa, poden actuar no prezo da enerxía, precisámolo para defender a industria no noso país. Ten que intervir o Ministerio de industria, a SEPI, que como se fixo noutros países, cunha intervención poderían actuar e impedir o que fixo Alcoa: tratar de paralizar a venta das nosas plantas", engadiu. 

Por outro lado, o deputado Manuel Lago insistiu en que a decisión de Alcoa "é un problema laboral e para a economía, é un insulto á soberanía dun Estado". "Estamos nos vellos tempos do imperialismo norteamericano", manifestou, "no que unha empresa permítese chulear a un Estado democrático afectando á súa soberanía". 

Tamén interviu o enxeñeiro José Bembibre, quen lembrou que se no Estado se fixase un prezo similar aos países da contorna, os problemas da viabilidade das industrias electrointensivas quedarían resoltos.