Galiza corrixe, á baixa, a súa estimación de crecemento para 2019 e sitúaa en 2%

Galiza corrixe, á baixa, a súa estimación de crecemento para 2019 e sitúaa en 2%
A economía galega crecerá menos do estimado nos vindeiros anos
A economía galega crecerá menos do estimado nos vindeiros anos  

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar o dato de crecemento potencial e 'output gap' de Galiza, no que revisa o dato do Produto Interior Bruto para o presente exercicio.


Despois de que o Instituto Nacional de Estadística (INE) corrixise os datos de crecemento do PIB español de 2018, un feito que provocou un arrastre nas demais previsións, agora é o Instituto Galego de Estatística o que revisa as súas estimacións. Segundo as cifras dadas a coñecer esta segunda feira, a economía galega situaría o seu crecemento en 2019 en 2%, lonxe de 2,5% das estimacións de hai un ano.

De cara aos orzamentos que o Goberno galego presentará nas vindeiras semanas, o IGE, encargado de determinar as variábeis de crecemento potencial e output gap da economía galega para a elaboración dos distintos escenarios, modifica tamén os datos dos exercicios 2020 e 2021. Así, o vindeiro ano o PIB rematará cun crecemento de 1,9% fronte 2,3% estimado, mentres que 2,1% de crecemento previsto para 2021 quedará en 2%.

Porén, os datos publicados polo IGE, que buscan comparar o crecemento potencial da economía galega coa española e estimar a descomposición do déficit, dependerán tamén do axuste do cadro macroeconómico que debe incluír o Goberno español no Plan orzamentario que prevé remitir a Bruxelas o vindeiro 15 de outubro. Na súa contabilidade, as previsións de crecemento para 2019 sitúanse na actualidade en 2,2%, pero as persoas expertas vaticinan que podería rematar mesmo por debaixo de 2%.