Galiza lidera a taxa de temporalidade laboral en Europa

Galiza lidera a taxa de temporalidade laboral en Europa

Un de cada catro traballadores galegos ten un contrato temporal, dez puntos por riba da media europea.


Galiza está na cabeza dos países con maior taxa de temporalidade de toda a Unión Europea, é dicir, cunha maior porcentaxe de asalariados con contrato temporal sobre o total de asalariados. Mentres a media europea era en 2014 do 14% (de cada 100 traballadores, 14 en contrato de caráter temporal), en Galiza era do 23,5%, dez puntos máis. Unha porcentaxe, ademais, que non para de medrar. Ese 23,5 por cento é case 1 punto máis que no exercicio anterior (2013). No informe do IV trimestre da EPA, esa taxa en Galiza sitúase xa nun 25,5%, dous puntos máis que en 2014. A temporalidade en Galiza supera a de países golpeados fortemente pola crise, como Portugal (21,5%) ou Grecia (11,7%).

A taxa de temporalidade miden a porcentaxe de asalariados con contrato temporal sobre o total de asalariados

Só Polonia, cun 28,4%, ten unha temporalidade laboral máis alta que Galiza. Superamos o resto de estados e países da UE. A temporalidade atinxe xa pautas máis que preocupantes no noso país. Un recente estudo sobre o mercado de traballo galego indicaba que no pasado mes de setembro dos 83.000 contratos de traballo subscritos máis de 25.000 eran por menos de 7 días e 9.300 de entre unha semana e un mes. Só 280 eran por máis dun ano.

En Galiza hai, a 31 de decembro de 2015, un total de 812.300 asalariados, dos cales 207.100 teñen contrato temporal por 605.000 con contrato indefinido.