Galiza, un país coa industria en retirada

Galiza, un país coa industria en retirada

O peso do sector industrial caeu case en 2 puntos no PIB galego, un retroceso que ten efectos en non poucos campos da estrutura produtiva da Galiza, desde os salarios até o I+D+i


A Unión Europea marcou no seu día un obxectivo para 2020: que o sector industrial represente 20% no PIB dos estados membros. A falla de poucos meses atinxir iso na Galiza semella imposíbel, máis que avanzar cara ese 20%, o peso da industria retrocede. En 2008 esa presenza era de 20%, agora é de 18,2%. Un retroceso protagonizado sobre todo pola industria manufactureira, que nesa década perde máis de 2 puntos de presenza na estrutura produtiva da Galiza, segundo o Foro Económico da Galiza.

Están a ser tempos duros para o sector industrial galego: feches, desmantelamentos, EREs, redución de produtividade e ameazas de fechamento. sector industrial tamén perde presenza en canto a emprego, sendo unha das actividades máis afectadas.

Hai unha mutación na estrutura produtiva galega, coa caída de sectores como o da industria mentres hostalaría e comercio aumentan presenza: de 22,6% do PIB que representaba en 2008 agora xa é 25,5%, tres puntos máis.

A importancia do sector industrial nunha economía ten diversos indicadores. Un deles é que é, tradicionalmente, quen ten os mellores salarios. Así, en 2018 o soldo medio bruto en Galiza estaba en pwerto de 20.000 euros. O salario medio bruto na industria era de 23.868 euros – 4.000 euros máis- mentres que en servizos (e a economía galega está cada vez máis terciarizada) era de 18.900 – 4.000 euros menos que a media.

As Pontes, Vulcano, Alcoa... son os últimos nomes de incertidume nunha lista que nestes dez anos contabiliza non poucas empresas industriais que tiveron que botar o feche sen que outras as substituísen: T-Solar, Alfageme, etc...