As expertas ven Galiza preparada para afrontar os desafíos da revolución tecnolóxica

As expertas ven Galiza preparada para afrontar os desafíos da revolución tecnolóxica
Santiago acolleu a primeira edición do Foro Tecnolóxico. [Imaxe: Foro Económico de Galiza]
Santiago acolleu a primeira edición do Foro Tecnolóxico. [Imaxe: Foro Económico de Galiza]  

As persoas expertas cren que Galiza está ben situada de cara á implantación de novas tecnoloxías nas empresas e entidades públicas, que aínda deben dar pasos adiante.


Galiza ten ante si o reto da implantación de novas tecnoloxías e Intelixencia Artificial no seu tecido empresarial. Segundo as persoas expertas que participaron a pasada terza feira no I Foro Tecnolóxico organizado polo Foro Económico de Galiza, conta cos elementos necesarios que a sitúan entre os territorios mellor preparados para afrontar os desafíos das tecnoloxías intelixentes.

Entre eses elementos están as investigadoras na materia, un centro de I+D específico (o CITIUS), unha rede de centros tecnolóxicos con dilatada experiencia na integración de solucións baseadas nestas tecnoloxías e un tecido produtivo sensíbel ao valor estratéxico que supoñen estas ferramentas.

Porén, as persoas expertas consideran que as empresas “aínda deben dar pasos adiante” na incorporación destas novas ferramentas que lles permitirá mellorar a calidade dos seus produtos e servizos, os seus procedementos de xestión e produción ou os seus modelos de negocio “sempre que a incorporación destas tecnoloxías, ademais da redución de custos, implique a introdución da cultura da innovación nas súas equipas”.

Para as expertas, as Administracións xa empezan a tomar medidas nesta liña, se ben consideran que deberían “acelerar o ritmo” da implantación tecnolóxica a través do desenvolvemento de políticas públicas que incentiven o I+D+i, e no eido educativo, coa introdución das tecnoloxías intelixentes en todas as etapas de formación de cara a preparar perfís profesionais especializados.

O reto laboral

A chegada da Intelixencia Artificial vai traer destrución de emprego, pero tamén novas oportunidades laborais. Como sinala Senén Barro, Catedrático de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago e un dos directores do foro, “a automatización intelixente vai eliminar postos de traballo e ao tempo vai crear outros. O problema é que quen perda o seu emprego pola automatización non serán en xeral as persoas que asuman os novos postos de traballo ao fío das TIC”.

Neste sentido, considera que a Administración debe artellar unha rede de protección social para aquelas persoas que queden excluídos do mercado laboral.