Galiza quere blindar os fondos europeos tras baixar de categoría na Unión

Galiza quere blindar os fondos europeos tras baixar de categoría na Unión

O Comité Europeo das Rexións aproba unha emenda do Goberno galego para que os territorios que baixen de categoría no próximo orzamento comunitario non perdan fondos.


No próximo marco orzamentario da Unión Europea Galiza vai descender de categoría a respecto do resto de territorios comunitarios, un feito que podería implicar no peor dos casos a perda de 46% dos 2.771 millóns de euros que recibe na actualidade de fondos estruturais.

De cara á negociación do vindeiro orzamento da Unión, que comprende o período 2021-2027, a Xunta vén de arrincar o compromiso do pleno do Comité das Rexións para que os territorios que descenden de categoría no novo orzamento, como é o caso da Galiza, non vexan reducida a súa asignación de fondos comunitarios. Esta postura xa fora defendida polo vicepresidente Afonso Rueda na súa xuntanza esta mesma semana con Marc Lemaître, director xeral de Política Rexional da Comisión Europea.

Á marxe desta decisión, na reunión desta cuarta feira, na que participou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Xesús Gamallo, tamén se aprobaron varios acordos referidos á transición dixital e ecolóxica, a un novo marco político para as pemes europas e ao envellecemento activo e saudábel da poboación.

Novo mecanismo de transición

O risco de que Galiza perda fondos estruturais non é una novidade. De feito, no anterior orzamento comunitario, no que Galicia deixou de pertencer por renda aos territorios obxectivo de converxencia (menos do 75% da media da UE), conseguiu levar máis de 2.400 millóns dos que lle correspondía grazas á aplicación dun mecanismo de transición.