ESTUDO EUROFOUND

Galiza reduce a porcentaxe de empregos mal pagos

Galiza reduce a porcentaxe de empregos mal pagos
O estudo sitúa a Galiza nas rexións onde aumenta a porcentaxe de empregos ben remunerados [Imaxe: Eurofound]
O estudo sitúa a Galiza nas rexións onde aumenta a porcentaxe de empregos ben remunerados [Imaxe: Eurofound]  

Dous de cada tres galegos seguen a percibir salarios baixos, segundo un estudo de Eurofound.


Desde o ano 2002 até 2017 o número de empregos ben remunerados ascendeu na Galiza en cinco puntos, ao pasar de representar 26,7% do total a 31,7%, o que lle sitúa xunto con Nafarroa, A Rioxa e Euskadi entre os territorios que máis reduciron esta desigualdade no conxunto do Estado español.  

O estudo realizado pola Fundación europea para a mellora das condicións de vida e laborais (Eurofound) analiza a evolución do emprego en 130 rexións dos nove maiores países comunitarios entre 2002 e 2017, con especial interese no peso que adquiren os empregos mellor remunerados.

No caso do Estado español, agás Madrid, o resto de territorios teñen máis postos de traballo mal remunerado que traballos ben pagados. Na Galiza, un de cada dous traballadores seguen a percibir menos cartos dos que lles corresponderían polo seu labor

A industria perde peso

O informe de Eurofound tamén constata a terciarización da economía galega. No período analizado, a industria pasou de representar preto de 20% (19,4%) a situarse por debaixo de 15% (14.9%). Pola contra, o sector servizos experimentou un notable crecemento ao pasar de 54.2% a 70,7%. No sector público, a porcentaxe tamén experimentou subas, neste caso de máis de sete puntos porcentuais (de 15,5% a 22,9%).

En total, entre 2002 e 2017 creáronse na Galiza preto de 30.000 postos de traballo dos que 43% eran cualificados ao final do período, fronte 25% de 2002.