Os gandeiros exixen á multinacional gala 'Lactalis' que lles pague “o que é noso”

Os gandeiros exixen á multinacional gala 'Lactalis' que lles pague “o que é noso”
Imaxe: UU.AA
Imaxe: UU.AA  

Máis de 500 produtores concentráronse perante a planta de Vilalba convocados pola Plataforma en defensa do sector lácteo de Galiza.


Máis de cincocentos gandeiros concentráronse esta sexta feira perante a planta que a multinacional francesa 'Lactalis' ten en Vilalba. Unha mobilización na que mesmo queimaron palla e pneumáticos para escenificar o seu profundo malestar con esta industria, á que exixen que lles pague as subas de prezo acordas en decembro coa distribución e das que se beneficia 'Lactalis' sen repercutila nos produtores, denuncia o sector.

Óscar Pose, da Plataforma, anunciou que na vindeira semana as protestas estenderanse a áreas comerciais cun boicot ás marcas desta industria francesa. "O que pedimos é que os 2 céntimos por litro que xa lle paga a máis a distribución despois desta chegar a un acordo con nós, nolos pague".

Elías Somoza, tamén da Plataforma, lembrou que mentres noutros territorios do Estado aumentan a súa produción en Galiza o sector esmorece. Exixiu que haxa unha comisión de seguimento para poder comprobar quen cumpre e quen non os compromisos cos gandeiros.

Lactalis é lider en volume procesado en Europa e en Galiza. A filial galega de Lactalis reparte máis de 2 millóns de euros anuais en dividendos á compañía francesa. As súas marcas: President, La Lechera, Puleva, entre outras.

A Plataforma mantivo contactos coas cadeas de distribución para pedirlles que retiren as marcas da multinacional gala. Unha loita á que queren sumar os consumidores, mediante campañas de información para que partillen o boicot aos produtos desa marca.