As gandeiras e gandeiros galegos perden máis de 5 millóns de euros cada mes polos baixos prezos

As gandeiras e gandeiros galegos perden máis de 5 millóns de euros cada mes polos baixos prezos

As granxas de Galiza están na cola europea polo que se paga polo leite. Só cinco estados, dos 28 da Unión Europea, teñen peores rexistros en prezo cas nosas explotacións.

 


Os gandeiros galegos perden unha media de 5,5 millóns de euros cada mes por mor dos baixos prezos. Unha cantidade que deixan de ingresar, segundo o cálculo feito polo Sindicato Labrego Galego (SLG), pola diferenza entre o valor medio europeo e o galego. En 2018 Galiza perdeu 66 millóns de euros por cobrar o leite máis baixo que a media da Unión Europea.

O prezo en Galiza é de media de 31,7 céntimos cando a media europea abeira os 36. De feito, dos 28 estados que compoñen a Unión Europea só Letonia, Hungría, Lituania, Bulgaria e Romanía presentan peores rexistros que o noso país.

Ese prezo medio en Galiza é o máis baixo do Estado, e  está moi perto do que se paga en Asturias, onde as granxas cobraron unha media de case 35 céntimos por litro en decembro de 2018. Mesmo Baleares, que a comezo de 2018 era a única comunidade do Estado cun prezo medio inferior ao galego, acadara valores de 33’7 céntimos a finais de ano. De feito, Galiza ten o peor prezo medio para o leite no Estado Español dende marzo, sempre por baixo dos 32 céntimos.

2019 arrancou con 7.503 granxas na Galiza, 463 menos das que había a inicios de 2018

O último informe do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), correspondente a xaneiro deste ano, incide no devalar do sector leiteiro galego en canto a número de explotacións. 2019 arrancou con 7.503 granxas na Galiza, 463 menos das que había a inicios de 2018. É unha media de 9 explotacións que teñen que botar o fecho cada semana. Entre decembro de 2018 e xaneiro deste ano foron 45 as granxas en Galiza que seguiron ese camiño.

Mais de 80% do leite galego é recollido, transformado e comercializado por empresas de fóra de Galiza e 33% dese leite sae de Galiza sen ningunha transformación, sendo as empresas de fora as máis beneficiadas polos baixos prezos que se pagan ás explotacións. “Galiza fica, entón, como subministradora de leite para beneficio destas empresas”, reflexionaban desde a Federación Rural Galega en 2018 a respecto da dificultade do sector agrogandeiro galego.



x