CIDADE DEPORTIVA DO CELTA EN MOS

O gol da especulación viste de celeste

O gol da especulación viste de celeste

Unha gran cidade deportiva con oito campos de fútbol, miniestadio, zonas de tecnificación, spa, estudo de televisión... e un megacentro comercial de 120.000 metros cadrados. O proxecto de cidade deportiva e comercial do Celta para Mos xerou desde o minuto 1 adhesións (Concello e Xunta) e tamén interrogantes, dúbidas e rexeitamento (comunidades de montes e augas ou tecido comercial). Eis un extracto da reportaxe publicada no número 325 de Sermos Galiza.


2Mos, en concreto Pereiras e Tameiga, foron as zonas elixidas pola directiva do Celta que preside Carlos Mouriño para desenvolver o seu desexado proxecto de cidade deportiva comercial. Perdida a batalla -ou o que for aquilo- con Abel Caballero para lograr que Balaídos, municipal, fose propiedade do clube celeste, Mos presentouse como o lugar acaído para que se desenvolvese nel o gran proxecto do Real Club Celta de Vigo. 

A finais do ano pasado o propio Mouriño, nun acto en que estivo acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo (PP) e o presidente Núñez Feixoo (PP), anunciaba a iniciativa dunha gran cidade deportiva. O 17 de decembro alcaldesa e presidente do Celta asinaban o convenio para o desenvolvemento urbanístico co fin de facer posíbel o proxecto celeste.

Facer isto unha realidade implicaba abranguer 860.000 metros cadrados de terreo, a metade deles montes en man común. Desa superficie por volta de 240.000 irían para a cidade deportiva e 120.000 para un centro comercial, que os propios impulsores definen como “o maior centro comercial da área metropolitana de Vigo”.

A alerta estendeuse cando o Goberno galego quixo meter unha modificación na Lei do Solo a través da Lei de Acompañamento dos orzamentos, para permitir que unha administración realice unha expropiación e un particular sexa beneficiario de dita expropiación a través dun concurso de libre concorrencia. Axiña todos os ollos pousaron en Mos, e desde a oposición no Parlamento ou concellos como o de Vigo indicaron que a da Xunta era unha decisión adoptada para favorecer o proxecto impulsado por Carlos Mouriño, que enfrontaba a negativa a vender de comunidades de montes como a de Tameiga.


“Tras esta operación [polo proxecto] agóchase un claro pelotazo urbanístico”, afirma Antonio Cajide, da Comunidade de Montes de Tameiga. “Isto non ten nada a ver nin coa cidade deportiva nin co Celta, senón que é unha operación na que se compran terreos a 3 euros, urbanízase e gástanse 100, e véndese despois a 300 euros”, explica. 

[Podes ler a información íntegra no número 325 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]