González Formoso reparte as culpas sobre Endesa entre Pedro Sánchez e Arias Cañete

González Formoso reparte as culpas sobre Endesa entre Pedro Sánchez e Arias Cañete
[Imaxe: Concello das Pontes] Manifestación en As Pontes hai dez días pola continuidade da central.
[Imaxe: Concello das Pontes] Manifestación en As Pontes hai dez días pola continuidade da central.  
Despois dunha reunión en Ferrol con 25 alcaldesas e alcaldes de localidades afectadas pola crise industrial, o alcalde das Pontes di que "o problema é compartido", sinala os dous grandes partidos estatais e pide unha reunión a tres bandas dos alcaldes coa Xunta e o Ministerio de Industria.

As alcaldesas e alcaldes dos concellos de As Pontes, Ferrol, Pontedeume, Neda, Mugardos, Ortigueira, Cedeira, Cerdido, A Capela, As Somozas, San Sadurniño, Fene, Cariño, Valdoviño, Moeche, Cabanas, Ares, Narón, Miño, Monfero, Mañón, Muras, Xermade, Vilalba e Viveiro, un total de 25 responsábeis locais, reuníronse esta segunda feira en Ferrol para emitir unha declaración institucional diante da “emerxencia industrial" que sufre a zona e na que reclaman reunións de urxencia coa Xunta de Galiza e o Ministerio de Industria para “acometer unha iniciativa conxunta de reactivación económica e captación industrial nestas comarcas".

O berro de auxilio, como os propios rexedores definiron a proclama, prodúcese despois de que Endesa anunciase a decisión de acelerar o feche da central de carbón das Pontes, e en medio da incerteza que provoca entre a veciñanza o futuro de empresas como Reganosa, Megasa ou Siemens-Gamesa que ameaza cunha deslocalización a Portugal. En nun contexto de feches recentes, como nos casos de Poligal, de Elinco ou Conservas La Jira, ademais da recorrente crise do naval en Ferrolterra.

Malia que a reunión fora convocada polo alcalde ferrolán, Ángel Mato (PSOE), foi o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, tamén socialista, que concentrou a atención dos medios. 

“Hoxe é un día histórico porque nunca se lograra xuntar a tantos alcaldes para alzar unha voz e clamar por unha reactivación industrial”, dixo González, para quen “as probas realizadas por Endesa este verán con materiais alternativos ao carbón, confirman que é viábel”.  

González Formoso insistiu en que é un berro “dunha comarca que é a segunda no ámbito industrial máis importante de Galiza " e repartiu as culpas: “Temos un comisario europeo que está na orixe do problema, e que é do Partido Popular [Arias Cañete, comisario de Enerxía e Clima]; e temos un presidente do Goberno que está na orixe do problema tamén, e pertence ao Partido Socialista [Pedro Sánchez], e tamén unha ministra que é socialista".