Os grandes fondos fan negocio na Galiza

Os grandes fondos fan negocio na Galiza
[Imaxe: Iberconsa]
[Imaxe: Iberconsa]  

Fondos de investimento e capital desembarcaron en sectores estratéxicos galegos, das infraestruturas á enerxía, da vivenda á alimentación; procurando rendibilidade e beneficios. Xa están presentes na Galiza en sectores que moven miles de millóns de euros e empregan miles de persoas. Eis un extracto da información publicada no número 339 do semanario en papel Sermos Galiza.


6A compra de Iberconsa -segundo grupo pesqueiro do Estado español- por un fondo de investimento californiano, Platinium, puxo o foco sobre a presenza dos fondos no tecido económico galego. Platinium, por certo, mercou Iberconsa por 550 millóns de euros a outro grupo estranxeiro, Portobello, que en 2015 se fixera con 55% das accións do grupo vigués. Dun fondo pasa a outro fondo e pouco ten a dicir Galiza en toda esta manobra.

Estes 550 millóns que pagou Platinium deixan pequenas as cifras de 50 millóns de euros da operación pioneira na Galiza dos fondos de investimento: en 2013, a compra por un grupo español do centro comercial Espacio Coruña, na cidade herculina. 

Se nun principio os centros comerciais e o campo inmobiliario centraron o interese destes grupos, a día de hoxe a actividade onde teñen presenza e peso é moito máis diversificada. Os fondos de investimento e de capital risco non lle fan ascos a nada. Aí están os desembarcos en sectores de todo tipo, desde a pesca até os ximnasios, desde os xeriátricos até a automoción, pasando pola vivenda, a alimentación ou a moda. Non apostan a perdedor. Unha vez que a época máis dura da crise remitiu, pousan os ollos naquelas empresas e sectores que entenden que lles van reportar beneficios nun prazo relativamente curto e sen grandes complicacións.


Na actualidade, eses grandes fondos teñen presenza en sectores cunha facturación que camiña cara aos sete mil millóns de euros e nos que o número de empregos directos supera as 10.000 persoas.

Aí está o exemplo do sector da lousa, onde o grupo líder no Estado español, Cupa Group, foi comprado polo fondo Carlyle por un importe de 170 millóns de euros. Os fondos poñían así unha pica nun sector chave da economía galega, e non é o único. Houbo tamén fracasos, como o da tentativa do fondo Brookfield de se facer con Ferroatlántica, e que non puido consumarse -cando estaba todo preparado- porque a mobilización social obrigou a Xunta a mover ficha e facer valer as cláusulas de concesión das centrais hidroeléctricas.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 339 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]