Os grandes fondos poñen o ollo na Galiza

Os grandes fondos poñen o ollo na Galiza

Están en sectores cun volume de negocio de miles de millóns na Galiza e teñen presenza en actividades con miles de persoas empregadas. Os fondos de investimento e capital viñeron para ficar. Eis un extracto da peza publicada no número 295 de Sermos Galiza.


3A operación pioneira na Galiza dos fondos de investimento foi en 2013, coa compra por un grupo español do centro comercial Espacio Coruña, na cidade herculina. Cincuenta millóns de euros foi o montante dunha adquisición que deu a pistolada de saída á operación de grandes fondos no noso país. Se nun principio os centros comerciais e o campo inmobiliario centraron o interese destes grupos, a día de hoxe a actividade onde teñen presenza e peso é moito máis diversificada.

 

Os fondos de investimento e de capital risco non lle fan ascos a nada. Aí están os desembarcos en sectores de todo tipo, desde a pesca até os ximnasios, desde os xeriátricos até a automoción, pasando pola vivenda, a alimentación ou a moda. Non apostan a perdedor. Unha vez que a época máis dura da crise semella remitir, deitan os ollos naquelas empresas e sectores que entenden que lles vai reportar beneficios nun prazo relativamente curto e sen grandes complicacións.

 

Na actualidade, eses grandes fondos teñen presenza en sectores cunha facturación que camiña cara aos sete mil millóns de euros e nos que o número de empregos directos vai cara ás cinco cifras. Aí está o exemplo do sector da lousa, onde o grupo líder no Estado español, Cupa Group, foi comprada polo fondo Carlyle por un importe de 170 millóns de euros. Os fondos poñían así unha pica nun sector chave da economía galega, e non é o único.

 

A galega Geriatros, o maior grupo de residencias para a terceira idade e asistencia de maiores no Estado, pasou a ser adquirida por ICG e Sacesse, que tomaba as rendas dun negocio con máis de dous mil traballadoras e traballadores e case 500 millóns de euros de facturación. A listaxe de empresas importantes nas que os fondos desembarcaron tamén está na automoción. Por exemplo GKN, con case mil traballadoras e traballadores na Galiza e que foi adquirida polo fondo Melrose. 
 

[Podes ler a información íntegra no número 295 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x