O Igape confirma ao persoal de Poligal a ‘caída’ dos investidores interesados na factoría

O Igape confirma ao persoal de Poligal a ‘caída’ dos investidores interesados na factoría
Manifestación en defensa dos postos de traballo e do mantemento da actividade en Poligal.
Manifestación en defensa dos postos de traballo e do mantemento da actividade en Poligal.  

Os traballadores e traballadoras reclaman un compromiso político con alternativas que garantan o mantemento do emprego.


Os dous investidores que se interesaban por Poligal, a factoría de Narón que o grupo Peralada pretende pechar e, dese xeito, despedir as 108 persoas que integran actualmente o plantel; ‘caeron’. Así llo confirmou o Igape nunha xuntanza esta cuarta feira á representación das traballadoras e traballadores. O de capital estranxeiro decidiu apartarse do proceso e o de capital español, malia seguir amosando interese, nin avanzou nin concretou máis.

Así as cousas o persoal reclama un compromiso político para garantir alternativas que permitan o mantemento do emprego para todo o cadro de persoal e denuncia o abandono do Ministerio de Industria, do que levan xa máis dous meses sen saber nada.

“Non é unha boa noticia”, lamentou ao remate da xuntanza Alberte Amado, representante de CIG-Industria de Ferrol, quen explicou que, segundo o Igape, un dos motivos polos que esta segunda opción non avanzou é porque se trata dun dos grupos que está inmerso no proceso de Alcoa.

O persoal intentará manter unha xuntanza para a vindeira semana co administrador concursal e o grupo de traballo para valorar o procedemento de liquidación previsto e que este deixe marxe para poder buscar alternativas industrias.