Unha ILP para reverter ao sistema público os saltos e aproveitamentos hidráulicos

Unha ILP para reverter ao sistema público os saltos e aproveitamentos hidráulicos

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o responsábel do sector de Enerxía da CIG-Industria, Fernando Branco, presentaron unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que ten como obxectivo reverter á xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos. A ILP contempla ademais a revisión de todas e cada unha das concesións galegas, para ver se están cumprindo as cláusulas establecidas nas mesmas e que, 3 anos antes de que remate unha concesión, a administración inicie xa os trámites administrativos previos para a súa reversión, evitando que regrese ao negocio privado.

Carril enmarcou esta ILP no marco de iniciativas da CIG que, como a da tarifa eléctrica galega ou a tarifa para industrias electrointensivas, procuran “garantir que enerxía sexa un auténtico servizo público, reverta no desenvolvemento económico e industrial de Galiza, permita a creación de postos de traballo, combata a pobreza enerxética e para que o poder público retome o control, para usos sociais, dos nosos recursos enerxéticos”.

Galiza é subministradora de enerxía eléctrica para o resto do estado, sinala Carril, “exportamos máis do 40% da produción” e  porén, “malia os custos sociais e medio ambientais do espolio dos nosos recursos para a xeración eléctrica, estes non están ao servizo, nin para aproveitamento do pobo galego, nin do desenvolvemento industrial”. Neste sentido lembrou o ERE de Alcoa e cualificou de “insólito e surrealista que un país espoliado nos seus recursos enerxéticos, que exporta máis do 40%, vexamos en risco postos de traballo” polos custos da enerxía.

O secretario xeral da CIG sinalou que con esta ILP a CIG defende que a electricidade “non se considere un ben de consumo calquera, senón un ben básico, e que sexa de uso público” o que “exixe un papel protagonista da Xunta de Galiza e dos poderes públicos”. Explicou que, por iso, o que se pretende é a recuperación das concesións dos saltos e centrais hidroeléctricas, nas concas nas que Galiza ten competencias, pola Xunta de Galiza para fins de utilidade pública e interese social, para que se xestione directamente ou a través de empresas mixtas o aproveitamento público destes recursos enerxéticos.

O responsábel do sector de Enerxía da CIG-Industia, Fernando Branco, lembrou que as concesións hidráulicas son públicas e teñen que ter un final no que, segundo di a Lei de Augas, “as instalacións teñen que estar en perfecto estado de uso para que as xestione a administración pública, ben directamente, a través dunha empresa pública galega de electricidade, que sería o noso obxectivo, ou a través da administración, con empresas mistas. Pero en calquera caso xestionadas pola administración pública galega”.

En Galiza temos 166 centrais hidráulicas: 121 das chamadas mini hidráulicas, de menor potencia, e outras 45 que son gran hidráulica. Temos unha produción nun ano normal de aproximadamente 20% da total no conxunto do Estado e unha potencia instalada de 3.700 megavatios.

Branco explicou que a CIG ten detectado que a administración galega non está prestando atención a estas concesións. “Cremos que hai desleixo sobre as cláusulas que deberían cumprir as empresas concesionarias e co final das concesións”.

Así, sinalou que hai centrais hidráulicas cuxa concesión data do século XIX e que aínda hoxe seguen en mans privadas, logo de sufrir varias renovacións de concesións neste tempo. Como exemplo puxo a concesión da central hidráulica de Fecha, no río Tambre, en Trazo, que foi concedida en 1895, S.XIX, e que vencía en 2017, foi ampliada en 2016 a través do subterfuxio de ampliación de potencia. Subterfuxio ao que “recorren as empresas eléctricas cando ven que lles vai rematar a concesión” e que consiste en “solicitar unha ampliación de potencia ou de caudal” para ir enlazando progresivamente os anos de concesións.

Por iso esta ILP pretende garantir a reversión e revisión de todas e cada unha das concesións galegas, explica a CIG. Unha posición que non é exclusiva da CIG porque, segundo lembrou, xa hai exemplos prácticos en Aragón de rescate de hidráulicas para uso público. A primeira en 2013 en Poyo de Jaca e outras 3 máis rescatadas na conca hidrográfica do Ebro.



x